Ben, pois xa estamos onde os que teñen o poder económico querían e que os colegas de PRISA viñéronlles relatando nos seus acendidos editoriais, aos que acompañou a outra gran empresa do grupo, a SER, quen, con gravacións das partes mais "significativas" do Comité Federal do sábado--ou sexa: aquelas nas que ao secretario xeral do PSOE pónselle de chupa de dómine-- redondearon a faena de acoso e derribo a un posible pacto con Podemos, para logo confluír noutro acordo no que Ciudadanos e PP gobernen coa abstención dos sociatas, para o que fai falta un último acto no que Rajoy faga de Artur Mas e mesmo Sánchez se retire avergonzado por tanta falta de calor "fraterno". E se non, eleccións para gañar tempo e que a xente, outra vez a xente, recapacite e comprenda que o seu destino entre os grandes, como xa lle pasou aos gregos, é agachar a cabeza e deixarse gobernar polos designios de Bruxelas, ben armados ideoloxicamente polo Fondo Monetario Internacional ou por quen quere que o seu diñeiro non caia en mans de gobernantes demasiado xenerosos coas reformas sociais ou o fin dos desafiuzamentos.
A comedia aínda non terminou e a este auto sacramental aínda quedan dous ou tres actos para concluír nun desenlace feliz no que, nin vostede nin eu temos moito que dicir, agás que todo foi moi bonito mentres durou. A crúa realidade ábrese paso e tan só un milagre nos pode salvar de tanto despropósito. Chegamos demasiado lonxe e, desgraciadamente, agora mesmo os líderes carismáticos non existen, e os poucos que poderían dar un paso adiante e poñerse ao lado dos que máis lles necesitan desapareceron ou cambiaron de bando, asustados por tantas presións e, sobre todo, porque nunca se mereceron a confianza dos seus propios votantes, que arriscaron bastante máis do que eses dirixentes nunca pensaron xogarse por ese ben común que xuraron defender.
Acabemos xa e deixemos sós a estes actores mediocres, que a representación xa non interesa a case ninguén e non nos van a devolver o diñeiro da entrada.