O presidente da Xunta evitou unha vez máis dar detalles sobre a súa relación co 'conseguidor' Pachi Lucas, investigado por tráfico de influencias na operación que investiga un suposto fraude na adxudicación de cursos de formación.


Alberto Núñez Feijóo remitiuse á resposta que deu no Parlamento a finales do ano 2014, cando asegurou que "non ía a entrar no xogo de construir unha historia de implicacións sobre persoas que nin teñen ningún cargo público nin teñen ningunha responsabilidade".


Asegura que "os meus amigos son os intereses de Galicia", insiste en que foi o seu goberno o que denunciou e repite que quere "que se investigue a todo e a todos". Tamén recorda que o seu goberno non é o único salpicado pola operación: "está investigado un director xeral do goberno central do PSOE a, un director xeral do bipartito e unha directora xeral deste goberno".


Feijóo centrouse en relacionar ao bipartito coa presunta trama corrupta que investiga a 'Operación Zeta', citando emails nos que un dos investigados se lamentaba da victoria do partido popular nas eleccións. Aféalles aos socialistas que teñan "deputados con amigos que non só están investigados senón que foron detidos".


AMIZADES PERIGOSAS


Por suposto, a resposta de Feijóo non contentou ao voceiro do PSdeG, Xosé Luis Méndez Romeu, que lle preguntara sobre a relación do presidente con Pachi Lucas recomendándolle a novela Amizades perigosas, "tan divertida como inmoral".


Pregúntalle ao presidente se imos estar "como en Valencia anos e anos negando a evidencia" para que despois salte unha gran trama de corrupción. Dada a relación de Feijóo con "amizades perigosas como traficantes de drogas ou delincuentes", recordando tamén o caso de Marcial Dorado, ou é "unha cándida pomba ou máis ben tolera os comportamentos corruptos".


Tamén se pronunciou sobre este tema Antón Sánchez, que hoxe se estreaba como voceiro de AGE no parlamento. Sánchez recolleu as palabras de Feijóo sobre que "os seus amigos eran os intereses xerais", para preguntarlle se tiña pensado "declarar a Marcial Dorado e Pachi Lucas de interese xeral para Galicia". 

POWERED BY BIGPRESS