Galicia foi noticia nas últimas horas pola investigación aberta contra o amigo de Mariano Rajoy e Núñez Feijóo, Pachi Lucas, quen de empresario próximo ao poder popular pasou á condición de sospeitoso por "tráfico de influencias" na investigación aberta polo Xulgado de Instrución número 6 de A Coruña. A xuíza pretende pescudar se Pachi Lucas fixo de intermediario entre a Xunta de Galicia e os promotores dos falsos cursos de formación pagados con diñeiro público, tal e como informa este xornal.
Como todos sabemos, Galicia quedou ata o momento como "praza forte" do Partido Popular en España. O que Pontevedra sexa agora a orixe desta presunta trama corrupta dá moito que pensar e, sobre todo, porque desbarata estrondosamente as posibilidades políticas do Presidente Feijóo como sucesor in péctore do aínda Presidente Rajoy e é un claro aviso para navegantes de que "os novos tempos" nos que haberá que xulgar e condenar a quen converteu a corrupción no seu medio de vida están xa aí, ao virar a esquina, e que xa non estamos a falar de salvar a unidade de España, senón, mais ben, de cambiala completamente e convertela nun lugar limpo e decente no que se pode traballar e facer negocios sen que o estigma do 3 por cento, tan usado polos admiradores da familia Pujol, o emporque todo e produza tantos lerchos por metro cadrado como formigas nun formigueiro.
Oxalá que, unha vez acabadas todas estas historias de corrupción e trinque político, os cidadáns do montón podamos gozar deses recursos malgastados en luxos e despilfarros absurdos, e exclamar coa graza que se gastaba aquel inesquecible e xenial Gregorio Sánchez: ¡Hasta luego,Lucas!