A Rede Galega de Música ao Vivo programará 126 concertos e actuacións escénicas durante este primeiro semestre de 2016.


Esta actividade esténdese a 23 localidades das catro provincias a través de 33 dos locais asociados á rede, pola que se busca atender ás necesidades de difusión dos grupos e intérpretes musicais galegos.


Como novidade, durante este período, estrearanse como salas do circuíto 'Ou Con do Moucho', da Illa de Arousa (Pontevedra); 'A Cova dos Trasnos', das Pontes de García Rodríguez (A Coruña); Bar 'O Latas', de Celanova (Ourense); Pub 'O Muiño de Cervo' e Sala Sónar, de Santiago.


Xunto a estas cinco localidades, contan tamén con espazos en rede Allariz e O Barco de Valdeorras (Ourense); Pontevedra, Vigo, Vilagarcía de Arousa, Baiona, Bueu, Caldas de Reis, Moaña, O Grove e Cangas (Pontevedra); A Coruña, Culleredo, Ferrol, Melide e Laxe (A Coruña); e Lugo.


En concreto, os concertos constitúen a oferta predominante na Rede Galega de Música ao Vivo, que neste primeiro semestre acollerá 116 citas musicais protagonizadas por 49 grupos ou solistas, galegos na súa maioría. Das actuacións restantes, seis son representacións escénicas e catro de maxia.


A Rede Galega de Música ao Vivo é un dos tres circuitos de exhibición de espectáculos que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria xestiona. Desta vez conta con orzamento total de 57.034 euros, á que Agadic achega 48.443,90 euros e as 33 salgas programadoras os 8.590,10 restantes. Ademais, cóntase coa colaboración da Asociación Galega de Salas de Música ao Vivo Clubtura.

POWERED BY BIGPRESS