O presidente da Xunta quere saber cantos inmobles baleiros teñen as entidades financeiras en Galicia, para así poder planificar en consecuencia as súas políticas de vivenda. Por iso esixirá que declaren todos os seus inmobles baleiros nos concellos que superen os 10.000 habitantes, nun compromiso que incluirá ás filiais inmobiliarias e á Sareb, máis coñecida como "banco malo". 


O obxectivo deste censo, segundo Alberto Núñez Feijóo, é "saber exactamente cantas vivendas baleiras hay en Galicia" para poder "facer unha política de vivenda máis eficaz". Pretende conseguir un censo completo para despois negociar coas entidades financeiras a súa posible utilización: dende que "atendan a persoas con desafiuzamento, por impago de hipotecas..." ata que sexan compradas cando a Xunta o estime conveniente. 


En todo caso, Feijóo quixo deixar claro que o censo non implica ningún tipo de compromiso de utilización das vivendas. Suliñou que non entraba nos seus plans ter "un conflicto xudicial expropiando as vivendas, non é o noso obxectivo, o noso obxectivo é chegar a acordos". 


A única imposición da Xunta para as entidades financeiras é o rexistro das vivendas baleiras. Se non o fan arríscanse a unha sanción de ata 3.000 euros por inmoble. 


Ademais, o censo tamén está aberto a particulares que queiran poñer en coñecemento da Xunta que dispoñen dunha vivenda baleira, pero neste caso trátase dunha colaboración completamente voluntaria. 



POWERED BY BIGPRESS