Xosé Neira Vilas e a súa obra seguen moi presentes na vida cultural galega. Se o martes celebramos o 55 aniversario da publicación das "Memorias dun neno labrego", este mesmo venres poderemos descubrir a primeira adaptación teatral da novela "Querido Tomás".
Trátase dun proxecto posto en marcha por Noelia Toledano xunto ao propio Neira Vilas, e que agora se presenta ao público como homenaxe ao autor de Vila de Cruces, falecido o pasado 27 de Novembro. A representación será a encargada de abrir este venres ás 20.30 a carteleira do Salón Teatro de Santiago para este ano.
Recuperando o espírito da obra escrita por Neira Vilas na Habana en 1980, o espectáculo achéganos a historia de Sara, unha mestra do rural galego que vive marcada por unha historia amorosa quebrada pola emigración. Amor, tenrura e compromiso social son algúns dos eixos temáticos desta peza escénica, ao que o propio autor contribuíu coas súas achegas durante o proceso de produción.
Noelia Toledano é a directora desta produción da asociación My Art Project, ademais de asinar a dramaturxia e de lle dar vida á personaxe de Sara desde unha dobre perspectiva: a do pasado e a da actualidade. Esta dualidade temporal reflíctese igualmente na música composta por Isaac Garabatos para esta montaxe, construída a partir da combinación do monólogo con diferentes pezas audiovisuais realizadas por Pepe Castro. Cóntase, así mesmo, coa colaboración dos actores Alejandro Carro e Xoque Carbajal, que a través destes audiovisuais se poñen na pel do Tomás do pasado e mais do presente.
Tamén forman parte do equipo de ‘Querido Tomás’ Miro Magariños como axudante de dirección, asesor lingüístico e técnico de luz e son; María Tizado, a cargo do atrezzo; e Carlos Montes, axudante de produción e técnico audiovisual.
Amor, tenrura e compromiso social