(Imagen de las pasadas tractoradas, en Santiago)


A Plataforma pola Defensa do Sector Lácteo iniciará o vindeiro xoves na Coruña unha segunda quenda de mobilizacións, esta vez centrada en medidas de presión aos centros comerciais, para tentar incrementar o prezo que perciben os gandeiros polo leite.


En declaracións, o coordinador da Organización de Produtores de Leite, Anxo Escariz, sinalou que barallan trasladar tractores e, en calquera caso levar a cabo manifestacións diante dos centros comerciais que non asinaron o acordo de Madrid e aqueles que, a pesar de asinalo, manteñen unha actitude contraria.


As protestas arrincarán o vindeiro xoves nunha das dúas grandes superficies comerciais da Coruña, despois da semana de campaña de información ao consumidor que levaron a cabo nos últimos días.


Así, estas mobilizacións contra centros de distribución terán “carácter indefinido”, de forma que non as levantarán ata que non reciban “boas noticias para os gandeiros” e “cando isto ocorra, cambiarase de localidade”.


“Se se reciben compromisos firmes por parte das firmas de distribución de trasladarlle o incremento do prezo dos cartóns de leite aos gandeiros, a presión irase cambiando de centro e de localidade”, explica a Organización de Produtores de Leite.


Entre os centros comerciais nomeados pola Organización de Produtores de Leite como obxectivos da súa nova quenda de mobilizacións figuran Dia, Alcampo, Carrefour, El Corte Inglés, Gadis e Eroski, entre outros.


TRACTORADA EN LUGO


Pola súa banda, o colectivo Agro Muralla mantén convocada en Lugo unha tractorada tamén para este xoves día 10, a cuxa organización non viu impedimento a xunta electoral provincial.


Nas protestas do sector que se iniciaron durante o verán e alcanzaron a súa cota máis alta en setembro, os tractores permaneceron durante varias semanas ao longo da Rolda da Muralla da capital lucense, e os gandeiros conformaron o seu propio movemento nesta localidade, desvinculado en parte dos sindicatos agrarios.


PRESIÓN Á DISTRIBUCIÓN


Ás portas do mes de decembro, o pasado luns día 30, os gandeiros galegos retomaron en Santiago as súas mobilizacións coa repartición de miles de panfletos que entregaron a consumidores ante áreas comerciais das cidades para denunciar os baixos prezos que reciben polo leite.


Xa nese momento advertiron de que prevían intensificar as súas protestas en plena campaña se non apreciaban avances na súa situación, tras o lixeiro repunte dos prezos, que ven estacional e que non se debe, ao seu xuízo, ao acordo asinado na sede do Ministerio de Agricultura, respecto do cal opinan que non está a funcionar.

POWERED BY BIGPRESS