Marta Ortega, de la Fundacion Amancio Ortega, D. Alberto Nuñez, presidente de la Xunta de Galicia y  el Dr. Jesús Vázquez Almuiña, consejero de Sanidad de la Xunta de Galicia


El presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, puxo en valor hoxe a implicación da Fundación Amancio Ortega coa sanidade pública galega, na que investirá 17 millóns de euros para a incorporación de novos equipos avanzados de diagnóstico e tratamento do cancro, mamógrafos e aceleradores lineais, e as obras necesarias de adaptación dos espazos nos que se instalarán. Trátase da “maior doazón que tivo o Servizo Galego de Saúde, non só polo cuantitativo, senón polo cualitativo”.


Así o expresaba o máximo responsable autonómico no acto de presentación e sinatura do convenio de colaboración entre o Sergas e a Fundación Amancio Ortega, ao que asistiu acompañado polo titular de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña.

Como explicou Feijóo, o novo equipamento permitirá incorporar novos mamógrafos dixitais nun total de 16 centros do Sergas, de xeito que se poida seguir desenvolvendo coa tecnoloxía máis vangardista o Programa de Detección Precoz do Cancro de Mama, que o pasado ano acadou máximos históricos de mulleres convidadas e participantes. Así, en 2014 atendéronse a un total de 155.336 mulleres, o que permitiu diagnosticar de xeito precoz 635 cancros no seo deste programa.


Pero a doazón tamén mellorará os equipos de radioterapia. Feijoo indicou que se instalarán 10 aceleradores lineais nos servizos de radioterapia e actualizaranse dous equipos que xa están en servizo. O xefe do Executivo galego avanzou no acto de firma do convenio coa Fundación que as primeiras instalacións desa nova tecnoloxía comezarán antes de Nadal no Clínico de Santiago, o hospital Labaca da Coruña, o Lucus Augusti, o CHUO e o Meixoeiro. E o resto irán incorporándose a medida que vaia expirando a vida útil dos equipos que están en funcionamento.


Con estes novos equipamentos, explicou Feijoo, o Sergas mellorará a prestación aos máis de 220.000 persoas que reciben atención nestes servizos, xa que permitirán incrementar a eficiencia nos diagnósticos, lograr unha menor exposición dos pacientes, incrementar a eficacia dos tratamentos e reducir a súa duración. Esta doazón da Fundación Amancio Ortega sumar ao programa da Xunta para a renovación da tecnoloxía nos centros do Sergas nos próximos anos, cun investimento estimado de 88 millóns.


«Falamos de mellorar a calidade de vida, mesmo de prolongala, de moita xente. E iso non pode cuantificarse de ningunha maneira», valorou Feijoo para agradecer a filantropía e solidariedade dunha Fundación que, enxalzou, avoga por axudar desde a discreción que a caracteriza, por iso é polo que falase Feijoo de «un corazón invisible».


Exemplo de solidariedade


Como destacou o presidente, Galicia conta cunha sanidade pública exemplar na que conflúen tanto o esforzo tributario dos contribuíntes, como a preparación magnífica do persoal sanitario, como a xestión política das administracións.


Do mesmo xeito, Feijóo quixo agradecer de xeito especial a filantropía e solidariedade dunha Fundación que avoga por axudar desde a discreción que a caracteriza. Neste senso, sinalou tamén que este organismo é reflexo dunha concepción ampla do benestar que inclúe dotacións de última xeración como as que hoxe se presenta, financiamento de centros asistenciais, garderías públicas, ou bolsas que abren o horizonte de moitos mozos.


O presidente da Xunta destacou, así mesmo, que o que está a facer esta institución forma parte da conciencia colectiva e está contribuíndo a que esa magnitude que se podería chamar Produto Interior Solidario, medre en Galicia de maneira admirable. “Creo que contamos cunha cidadanía sa, solidaria, comprometida e que sente un orgullo inmenso por esta Fundación e os seus logros”, aseverou Feijóo.

POWERED BY BIGPRESS