Alejando Rubín, Director de Expourense e Xose Ramon Pousa, Decano da Facultade de Ciencias da Comunicacion de Santiago de Compostela


Expourense arranca xa a 3ª edición do Foro da Comunicación de Galicia que se celebrará o vindeiro 25 de novembro.


Punto de encontro dos profesionais e futuros profesionais da comunicación, o marketing, a publicidade e o sector audiovisual de Galicia. Esta actividade contará co patrocinio da Deputación provincial de Ourense e a colaboración da secretaría Xeral de Medio e do IGAPE.


No marco desta actividade, Expourense convoca a III edición dos “Premios á Comunicación Innovadora de Galicia” que xurdiron co obxectivo de recoñecer publicamente iniciativas profesionais e empresariais que destacaran por ter revalorizado o eido da comunicación, fomentando con elo o desenvolvemento socioeconómico da comunidade galega. Queda aberto o prazo de presentación de candidaturas que rematará o vindeiro 17 de novembro.


As categorías que concorren son as seguintes:

  • Premio a Estratexia de Comunicación Empresarial desenvolta por unha PEME ou por entidades que agrupen a PEMES e empresas destas características.
  • Premio á aplicación da Comunicación Dixital no sector xornalístico.
  • Premio á Iniciativa Emprendedora no eido da comunicación.
  • Distinción especial “Novos Talentos” no sector da comunicación.

Poderán optar a estes premios os profesionais e as pequenas e medianas empresas que desenvolvan o seu traballo no territorio da Comunidade Autónoma galega e tiveran realizado un labor destacado no eido da comunicación (xa sexa de ámbito empresarial ou xornalístico). A distinción especial para Novos Talentos está aberta de maneira especial a estudantes das universidades e escolas profesionais relacionadas coa comunicación social ou corporativa.


Para participar nos presentes premios, pódense consultar as bases e os criterios de avaliación en www.expourense.org e deberán enviar as súas candidaturas a través do correo postal ou electrónico (Finca Sevilla s/n, 32005 Ourense/ rrpp@expourense.org / expourense@expourense.org) ou entregalas de maneira persoal nas instalacións de Expourense.

Unha das novidades deste 3º Foro da Comunicación de Galicia serán os premios á “Creatividade na publicidade galega” promovidos por Creatividade Galega coa colaboración do Clúster da Comunicación Gráfica de Galicia. As bases para participar nesta nova candidatura estarán dispoñibles proximamente na web de Expourense.


Comité Asesor

As bases desta 3ª edición dos Premios foron aprobadas durante a última reunión do comité asesor do Foro da Comunicación de Galicia que tivo lugar na Facultade de Ciencias da Comunicación en Santiago de Compostela. Este comité integra ás Facultades relacionadas coa Comunicación das tres universidades galegas, a APG (Asociación de Xornalistas de Galicia), o Clúster da Comunicación Gráfica de Galicia, MARKEA (Asociación Galega de Marketing), , DIRCOM Galicia (Asociación de Directivos de Comunicación de Galicia) e Creatividade Galega, entre outras entidades como a Deputación Provincial de Ourense, a Secretaría Xeral de medios da Xunta de Galicia, o Concello de Ourense, o Polígono Virtual de Galicia ou a Asociación de Xoves Empresarios de Galicia (AJE).


Durante esta reunión abordáronse os temas a tratar nesta terceira edición que terá unha estrutura semellante ás anteriores: conferencias e mesas redondas de expertos, obradoiros prácticos e entregas de premios. Sobre os temas elixidos polo comité para este Foro destacan a exposición de casos de éxito de PEMES á raíz de incluír un servizo de comunicación profesional; a comunicación solidaria e vencellada coa cooperación social; a divulgación científica como unha nova vía para o xornalismo ou a presentación do Campus CREA de Pontevedra.


No referente á parte práctica profesionais de MARKEA e profesores das distintas Facultades impartirán obradoiros sobre distintos temas vencellados á comunicación como o Marketing directo ou o Co-marketing.


De forma complementaria ao programa de conferencias e debates, existirá unha área expositiva onde estarán representados os sectores da publicidade, colexios oficiais, asociacións de prensa e periodistas, academias de audiovisuais, clústers, medios de comunicación (prensa, radio, televisión), axencias consultoras de comunicación, community managers e as universidades galegas.



A asistencia ó Foro da Comunicación de Galicia é gratuíta pero precisa de inscrición previa a través de www.expourense.org. Nesta web tamén poderá descargarse o bono desconto do 35% para aqueles que acudan a Ourense en tren.

POWERED BY BIGPRESS