Valentín González Formoso, presidente da Deputación Provincial de A Coruña  e José Ramón Gómez BesteiroO secretario xeral do PSdeG-PSOE, no encontro de hoxe.


O secretario xeral do PSdeG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro, instou este luns ao goberno galego a “asumir os retos de A Coruña” como verdadeiros “retos de país”. Así o dixo logo dun encontro de traballo co presidente da Deputación Provincial, o socialista Valentín González Formoso, no que analizaron as prioridades para a xestión do ente provincial.


O líder socialista sinalou como principais necesidades da primeira provincia de Galicia a cuestión demográfica, a desindustrialización e a situación do sector primario. Chamou a “sumar esforzos” e abriu unha reflexión sobre os “retos do municipalismo”, centrados nas “cuestións de financiamento”, e do novo papel das deputacións provinciais, que “non é de subordinación, senón de coordinación e apoio ás iniciativas municipais”.


Gómez Besteiro chamou a atención sobre as funcións das deputacións provinciais e dos gobernos locais logo da reforma lexislativa encetada polo PP e das pasadas eleccións municipais, na que unha maioría progresista asumiu a presidencia da Federación Española de Municipios e Provincias, un feito “que tamén se producirá nos vindeiros meses” na Asemblea da Fegamp.


O líder dos socialistas galegos e o presidente da Fegamp coincidiron en situar o despoboamento e o envellecemento da poboación como un dos principais problemas da provincia, agora que, constatou Gómez Besteiro, se trata dun problema crucial para Lugo e Ourense que “comeza a trasladarse ás provincias atlánticas”.


González Formoso puxo o acento ademais nos efectos da crise industrial na que é a quinta provincia do Estado no sector, e que afronta unha “cuestión vital para a a recuperación económica”. Sinalou así a situación e Alcoa e a tarifa eléctrica como unha das cuestións prioritarias para os próximos meses, que “provocan verdadeira preocupación” e que suxerirán “iniciativas dende a provincia”.


Eleccións catalás


En resposta ás preguntas dos xornalistas, o líder dos socialistas galegos sinalou que o proceso electoral “deixou dous grandes derrotados” nas figuras de Mas e Rajoy, mentres “o terceiro pinchazo evidente, o de Podemos”, evidencia que “o efecto Podemos se desinfla en Cataluña e no resto de España”.


Logo das expectativas xeradas polos de Pablo Iglesias, anunciando o sorpasso á “esquerda responsable que representa o PSOE para Cataluña, España e Galicia”, logo das eleccións catalás, “alguén podería analizar a oportunidade de experiencias políticas lexítimas pero que parece ser que algunha xa non vai ser posible”.


O líder dos socialistas galegos advertiu que, fronte á derrota do rupturismo, por debaixo do 50 por cento que reclamaban para lexitimar a súa proposta soberanista, e o “resultado desastroso” do inmobilismo de Rajoy –pasando de 19 a 11 deputados- na terceira convocatoria consecutiva, “a solución ten que ser a reforma, que é a postura dos socialistas nos últimos meses”.


Sinalou que “a reforma constitucional está hoxe mais cerca que antes das eleccións, e o PSOE é o único que pode ser capaz de ofrecer un marco estable pensando en Cataluña e no conxunto de España, e polo tanto tamén en Galicia”.

POWERED BY BIGPRESS