(foto archivo GP)
A partir do próximo 1 de outubro as farmacias de Galicias poderán vender a vacina contra a meninxite B. Así o anunciou este martes o Ministerio de Sanidade.
O medicamento deixará de estar clasificado como de uso hospitalario para pasar a ser de "prescrición médica non restrinxida" tras a avaliación da Axencia Española do Medicamento e Produtos Sanitarios (AEMPS).
Así, atendendo á reclamación de asociacións médicas e de pacientes, as farmacias pasarán a estar autorizadas para vender 'Bexsero', unha vacina comercializada por compañía Novartis, autorizada na Unión Europea desde xaneiro de 2013.
Trátase dunha vacina inxectable indicada para a inmunización activa a partir de dous meses de idade fronte á enfermidade meningocócica invasiva causada por 'Neisseria meningitidis serogrupo B'.
"Trátase dunha decisión que sitúa a España en liña co resto de países da Unión Europea, onde se dispensa en oficina de farmacia. En canto ás recomendacións oficiais, mantéñense para grupos de risco e para facer fronte a brotes e para contactos de casos illados", sinalan desde Sanidade.
Ata agora, a vacina tiña o seu uso restrinxido unicamente para o ámbito hospitalario, en casos de persoas con inmunodeficiencias e en casos de brotes epidémicos. Deste xeito, a vacina só se estaba administrando a unha porcentaxe moi reducida da poboación, deixando fóra do seu efecto protector á gran maioría dos nenos españois. Moitas familias pontevedresas viaxaban ata Portugal para comprar esta vacina.
O serogrupo B de meningococo é actualmente a causa máis frecuente de meninxite bacteriana e é responsable de sete de cada dez casos de meninxites en España.