A Coruña amaneceu coverta de nubes e con refachos de vento
A segunda e última xornada da primeira cicloxénese explosiva do verán galego deixou refachos de vento, que superaron os 160 quilómetros por hora, acompañados dunha redución na cantidade de precipitacións. Este martes arrincou a cicloxénese explosiva con moito vento, gran ondada e abundante choiva, condicións que continuaron este mércores aínda que a auga, intensa por momentos, caeu en menor cantidade que hai vinte e catro horas.
As alertas laranxas e amarelas fixéronse notar cunhas condicións adversas que incluso superaron nalgúns puntos ás deste martes, segundo informaron fontes de Meteogalicia.
O refacho máximo de vento do sur o martes foi de 130 quilómetros por hora en Punta Candieira, en Cedeira, situada na zona norte da provincia da Coruña, cifra que este mércores aumentou ata os 140,8 km/h, mentres a dirección do vento cambiaba lixeiramente a suroeste.
E este dato non foi o máis alto, a estación de Lardeira, no municipio ourensán de Carballeda de Valdeorras, rexistrou a 1.620 metros de altitude un refacho de 161,6 quilómetros por hora. En Ourense tamén houbo importantes refachos na cabeza de Manzaneda, no termo municipal de Manzaneda, onde chegaron aos 114,8 quilómetros por hora.
No litoral coruñés as cifras máis altas estiveron en Lira (Carnota) con 111,6 km/h; na Gándara (Vimianzo) con 106,2 km/h; e en Malpica con 103 km/h. Destacan en Pontevedra os 137,9 km/h de vento rexistrados en Xesteiras (Cuntis) ou os 109,4 de Castro Vicaludo (Oia), mentres que a marca en Lugo estivo en Ancares (Cervantes), con 117 km/h a 1.364 metros de altitude.
Todo nun día cunhas temperaturas mínimas de trece graos centígrados, máximas de dezaoito e que promediaron uns quince graos ao longo da xeografía galega. A choiva, que este martes superou os cen litros por metro cadrado nalgúns puntos, estivo presente, pero en menor cantidade, e afectou principalmente ás provincias de Pontevedra e Ourense.
Ourense os bombeiros, retirando un arbol da rúa.
PREVISIONS ATA O FIN DE SEMANA