A empresa Gas Natural inaugurou unha planta de gas natural licuado que permitirá a un milleiro de clientes da localidade pontevedresa do Grove comezar a utilizar esta enerxía desde o mes de agosto.


Ao acto asistiron o alcalde do Grove, José Antonio Cacabelos; o director xeral de Enerxía e Minas da Xunta, Ángel Bernardo, e o director de zona norte de Gas Natural, Roberto Cámara.


Na inauguración da planta, Cámara destacou que a planta permitirá que "máis de mil vivendas, comercios e industrias da zona poidan acceder ás vantaxes do gas natural".


A compañía explica nun comunicado que a subministración de gas natural á localidade realizarase desde esa planta situada no monte Zapateira na que investiu preto de 300.000 euros.


Nunha primeira fase de gasificación canalizáronse as rúas EP-9101, Luis A. Mestre, Castelao e Illas Baleares para, proximamente, realizar traballos en Alexandre Bóveda, Rosalía de Castro, Terra do Porto, Rúa do Sol, Avenida Beiramar, Luis Seoane, Rúa da Praza e adxacentes.


Gas Natural Galicia investirá 2,3 millóns de euros nos próximos anos no Grove para construír unha rede de distribución de máis de oito quilómetros que permitirá que o 80% de fogares, industrias e comercios da localidade accedan a esa subministración.

POWERED BY BIGPRESS