Álvaro García Corral
A cuarta parte das explotacións gandeiras galegas de vacún de carne adheridas ao Contrato de Explotación Sostible presentan un grao de profesionalización moi baixo e ausencia de rendibilidade se non perciben apoio público, segundo se desprende da investigación desenvolvida polo enxeñeiro agrónomo lugués Álvaro García Corral na tese de doutoramento ‘Análise e tipificación de explotacións de bovino de carne en Galicia mediante un método baseado na lóxica difusa’, que vén de presentarse no edificio Cactus do campus de Lugo.
Alén dos resultados, o carácter innovador desta investigación aplicada e de perfil tecnolóxico dirixida conxuntamente por Francisco Sineiro, profesor do Departamento de Economía Aplicada da USC na Escola Politécnica Superior, e Ricardo J. Bendaña, do Departamento de Enxeñaría dos Materiais, Mecánica Aplicada e Construción da Universida de Vigo, reside no desenvolvemento dunha nova ferramenta informática que posibilita aplicar unha metodoloxía de análise e tipificación das explotacións gandeiras baseada na lóxica difusa.
A aplicación desenvolvida por García Corral é de libre acceso e procesa 250 reglas diferentes, co que simula o razoamento dun experto mediante unha secuencia de algoritmos. Outra das vantaxes desta ferramenta é que pode ser empregada por persoas sen coñecementos previos de informática, xa que a acción do usuario limítase a introducir os valores correspondentes a unha determinada explotación, tralo que recibe de xeito automático unha valoración da súa competitividade e das variables asociadas a ela.
Unha vez completado o deseño desta ferramenta informática, o investigador empregouna para analizar e tipificar a actividade económica das explotacións de vacas de carne adheridas en Galicia ao Contrato de Explotación Sostible, un estudo no que, en función dos datos obtidos, c
lasificación as ganderías en tres grupos.
O primeiro, que abrangue un 25% das 128 explotacións analizadas, caracterízase pola baixa profesionalización, nula rendibilidade e dependencia de subvencións públicas.As características que definen
o segundo grupo, que inclúe o 32% das explotacións estudadas, son que se trata de granxas viables desde o punto de vista económico, aínda que cun grao de rendibilidade moi baixo, polo que tal actividade pode considerarse secundaria na renda familiar. As granxas incluídas
no terceiro grupo, que agroma o 43% das explotacións estudadas, teñen capacidade para competir por consumos intermedios, soportan o custe laboral dun traballador a tempo completo e poden ser actividade principal na renda familiar, conclúe García Corral.
Este investigador sinala asemade que as subvencións correntes da Política Agraria Común (PAC) non distorsionan a competitividade das explotacións, ao tempo que indica que as axudas ligadas ao densenvolvemento rural teñen un efecto redistributivo. Este enxeñeiro agrónomo entende ademais que aínda que os datos analizados corresponden a 2010, a situación actual non depara grandes cambios respecto aos resultados obtidos no seu estudo.
Tribunal e cualificaciónO catedrático da área de Tecnoloxía de Alimentos da Universidade de Vigo Francisco Javier Carballo García presidiu o tribunal encargado de cualificar a tese presentada por Álvaro García Corral e que mereceu a máxima cualificación de sobresaínte cum laude.
O tamén catedrático da Universidade de Vigo Juan Carlos Mejuto Fernández, a profesora da Politécnica de Valencia Olga María Moreno Pérez, e os profesores da USC María Luz Loureiro García e Melchor Fernández Fernández, que actuou como secretario, completaron o tribunal.