A comisión xestora de promoción da iniciativa lexislativa popular sobre o dereito ao coñecemento e á contemplación da obra de Castelao polo pobo galego presentou este martes máis de 11.000 sinaturas no Parlamento de Galicia para que debata esta proposición de lei, o obxecto da cal é “sacar do conxelador” o intelectual considerado o pai de nacionalismo galego.
Xunto a Marcos Maceira (A Mesa pola Normalización Lingüística), Anxo Louzao (CIG Ensino), María Antonia Pérez (asociación cultural O Galo) e Alberte Ansede (fundación Manuel María), Pilar García Negro, en calidade de presidenta de Galiza Cultura (que agrupa varias asociacións culturais), expuxo ante os medios a meta que persegue esta iniciativa.
Así, fixo alusión á recente entrega das medallas Castelao para reclamar que o seu nome non se use “en van”. “O caso é que Castelao, tantos anos despois do seu falecemento por exilio forzoso en Bos Aires, continúa estando dobremente enterrado e non coñecido pola poboación galega nin atendido polos poderes públicos galegos”, denunciou.
Por iso, sinalou que o que reclama a proposición de lei é que Castelao “sexa apreciado” e “coñecido”, en “toda a súa magnificencia artística”, as 4.000 pezas de obra artística das que é autor en moitos ramos, e en toda a súa obra de pensamento, política e literaria. “En todo o que significou de defensor e patriota esclarecido e máximo de defensa do pobo galego na primeira metade do século XX”, resumiu García Negro.
“Queremos que todo isto sexa apreciado, sexa coñecido, queremos o sacar do conxelador ou dese enterramento dobre que é o que se practica con figuras que son usadas nada máis que como un recurso de lexitimación e non para que sexan coñecidas na súa profundidade”, subliñou.
O DEBATE ACTUAL, NAS PÁXINAS DE CASTELAO
Para García Negro, “o debate político que está a haber en Galicia e no estado á altura de 2015 está perfectamente guionizado e tematizado en tantas e tantas páxinas de Castelao”, polo que “non é unha figura histórica en absoluto superada”.
“Queremos que retornen pezas artísticas del fundamentais como ‘A derradeira lección do mestre’, ese lenzo que podemos contemplar en Bos Aires e que está recluído alí tamén, non é obxecto de coñecemento de toda a nosa emigración alí”, expuxo quen fose deputado da Cámara autonómica polo BNG.
“Que os poderes públicos galegos, a través de todos os medios e as novas tecnoloxías, se ateñan ao que é o seu deber, ás súas competencias exclusivas en materia cultural, e honren debidamente a Castelao no ensino, en toda a rede museográfica e que reclamen das institucións privadas que atesouran unha grande parte de obra de Castelao a posibilidade da súa exhibición e consulta; como mínimo que haxa a divulgación debida”, abundou.
A este respecto, sinalou que “son centos” as obras que posúe a fundación herdeira da obra social das caixas de aforro, e que destas “se expón unha parte pequena ocasionalmente”, cando a dirección “así quéreo”. Os impulsores desta iniciativa lexislativa popular queren “que a Xunta se implique directamente como responsable e institución que ten toda a posibilidade de facelo con estas institucións”.
Así mesmo, Pilar García Negro apuntou que hai obra en Arxentina, pero que tamén está o Museo de Pontevedra, e que “non están en absoluto todos os fondos exhibidos nin moito menos”. “Hai algo que, independentemente da diversificación de locais, é factible, que no monitor correspondente deamos á tecla correspondente e a partir dunha obra poidamos coñecer toda”, indicou, en referencia ao uso das novas tecnoloxías.
A maiores, recordou que o ano que vén se celebra o centenario das Irmandades da Fala, e que Castelao “foi un dos seus primeiros defensores e impulsores”, polo que en 2016 haberá “ocasión de volver reivindicar o seu coñecemento”.
GALEGOS “NON SOLO PARA COBRAR”
Preguntada sobre se confía en que a iniciativa prospere no hemiciclo, Pilar García Negro confiou en que “todos os deputados desta Cámara se comporten efectivamente como xente ilustrada, xente galega onde o adxectivo debe valer non só para cobrar e para comer das institucións galegas”.
“E que polo tanto fagan honra ao pensador, ao patriota, ao artista galego sen o cal ninguén estaría sentado aquí”, sentenciou, antes de aludir a como Castelao “in extremis e nun traballo ímprobo rescatou o Estatuto que estaba sediciosamente perdido -entre comiñas- en Madrid e quen conseguiu a tramitación parlamentaria do Estatuto de Galicia o primeiro de febreiro nas Cortes Republicanas celebradas no Mosteiro de Montserrat”.
Deste modo proseguiu ao relatar como “máis adiante, no ano 45, -logrou- a súa aprobación definitiva nas Cortes celebradas en México”. “Sen isto non habería revival en absoluto daquel Estatuto primeiro de Galicia, plebiscitado o 28 de xuño de 1936″, engadiu, antes de finalizar que “se isto os deputados que se sintan nos escanos o ignoran, pois entón teriamos que chamalos semi analfabetos políticos”. “Semi, solo, para que ninguén se ofenda”, ironizou.
“RÉXIME CUARTELARIO”
Por último, ás portas do Pazo do Hórreo, Pilar García Negro resaltou que espera “que esta sexa a última vez que uns representantes do pobo galego teñan que pasar pola humillación de falar ante a prensa fóra do Parlamento”.
En defensa dunha iniciativa lexislativa popular “de pleno dereito”, a exdeputada denunciou ser “expulsados do recinto” nun “réxime cuartelario imposto por unha normativa” que confía en que “quede anulada dunha vez por todas”.