O conselleiro de Educación e Cultura, Román Rodríguez,O presidente do Eixo Atlántico, Ricardo Río,no centro asinando o acordo.


O presidente do Eixo Atlántico, Ricardo Río, e o conselleiro de Educación e Cultura, Román Rodríguez, asinaron este luns un protocolo de colaboración que ten como obxectivo apoiar as actividades e entes culturais tanto de Galicia coma de Portugal.


Tal e como trasladaron nunha rolda de prensa, este acordo xorde con vocación de favorecer "un intercambio cultural fluído"; de internacionalizar a actividade dos artistas e creadores galegos cara a Portugal e viceversa; e de potenciar a "dimensión económica" da cultura.

"Falamos de compartir recursos e posicionarnos de cara a futuras convocación europeas" e de "estabilizar a liña de traballo para consolidar o sector cultural", explicaron, a colación do que incidiron en que esta aposta responde a que a cultura "reforza" a identidade propia e "aproxima os axentes culturais dun e outro lado da fronteira.

Entre as actividades nas que colaborarán as dúas entidades, atopan a Mostra Musical de Novos Intérpretes, a Capital da Cultura, e a Bienal de Pintura. Ademais, indicaron que no futuro esperan "reforzar aínda máis esta colaboración, complementando iniciativas, creando axendas comúns". 


Tres actividades con espírito transfronteirizo


Entre as actividades culturais que desenvolve esta institución no marco deste sistema urbano destacan a Mostra Musical de Novos Intérpretes, a Capital da Cultura e a Bienal de Pintura. Todas elas, orientadas a dinamizar e divulgar a cultura galega e portuguesa dun xeito transfronteirizo, contan coa colaboración da Consellería de Cultura e Educación.


A Mostra Musical de Novos Intérpretes nace en 2008 para recoñecer, promover, premiar e difundir a práctica da música, apoiando os intérpretes que polo seu valor e interese poidan contribuír á difusión do gusto pola música de Galicia e do Norte de Portugal. En cada edición chegan a reunirse ata preto de 300 alumnos e alumnas das escolas de música e conservatorios das cidades do Eixo Atlántico.


Pola súa banda, a Capital da Cultura impulsa a posta en valor dos artistas da Eurorrexión, acollendo tamén países historicamente conectados a Galicia e a Portugal. Mentres que a Bienal de Pintura, con máis de 20 anos de historia e un éxito e participación que a avalan, pretende fomentar a creación artística, facilitando a un mesmo tempo o intercambio cultural e o coñecemento de artistas.

POWERED BY BIGPRESS