Celebran o nomeamento dos Camiños do Norte como patrimonio da Unesco
Na tarde de hoxe no World Conference Center de Bonn, no marco da 39ª sesión do Comité do Patrimonio Mundial, os Camiños do Norte veñen de ser incluídos na Lista do Patrimonio Mundial da UNESCO. O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, valorou como “trascendente para o desenvolvemento cultural e económico de Galicia” este novo galardón “que sitúa ao noso país con cinco bens patrimonio da humanidade” e a España con 45 bens inscritos na Lista de Patrimonio Mundial. O terceiro país con máis bens declarados só por detrás de Italia e China.
Muralla e Catedral de Lugo
Basílica de Mondoñedo
A candidatura transcorre por 25 concellos e abrangue, ademais das propias rutas do Norte que pasan pola nosa terra, o Camiño da Costa e o Camiño Primitivo, o recoñecemento e inclusión singular de catro bens galegos: a Muralla e a Catedral de Lugo, a Basílica de Mondoñedo e o Mosteiro de Sobrado.
A inserción na Lista da UNESCO é o máximo recoñecemento que pode recibir un ben, polo cal o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez expresou a súa satisfacción, subliñando “o traballo realizado durante estes máis de sete anos de colaboración entre as administracións dos gobernos autonómicos de Asturias, Cantabria, País Vasco, La Rioja e Galicia, e o Ministerio de Educación, Cultura y Deporte.”
- A Comunidade está desde hoxe representada na lista cun total de cinco bens Patrimonio da Humanidade
“Un recoñecemento –continuou o conselleiro− do ‘Valor Universal Excepcional’ de catro rutas singulares: o Camiño da Costa, o Camiño Primitivo, o Lebaniego (Cantabria) e o Vasco-Rioxano, que abarca a inclusión nominal dun total de dezaseis monumentos da máxima relevancia e valor cultural. Un recoñecemento destas rutas do Norte que conducen a Compostela desde o século IX até o presente. "Un recoñecemento dun ben vivo, importante para o desenvolvemento sustentable das comunidades do Norte de España e, moi especialmente, de Galicia.”
- As rutas do Norte foron promovidas conxuntamente polos gobernos de Asturias, Galicia, Cantabria, País Vasco e La Rioja, así como polo Ministerio de Educación, Cultura y Deporte
Nesta liña, o titular de Cultura e Educación da Xunta destacou “a singular trascendencia para a Galicia interior e concretamente para Lugo, pola importancia que a declaración ten como recurso para o desenvolvemento, ademais de cultural e patrimonial, económico e turístico.”
- Os Camiños do Norte en Galicia
En concreto por Galicia transitan dúas das catro rutas: o Camiño da Costa, que comunica a cornixa Cantábrica con Compostela, e o Camiño Primitivo. Ademais, abarca singularmente catro monumentos: a Muralla e a Catedral lucenses, a Catedral mindoniense e o Mosteiro de Sobrado dos Monxes.
O Camiño do Norte, procedente de Asturias, ten dúas variantes, a coñecida como ruta da Costa e a ruta do Interior, que é a que se corresponde co Camiño Primitivo ou Camiño de Ovedo. O trazado deste camiño, ao seu paso por Galicia, discorre por un total de 9 concellos: A Fonsagrada, Baleira, Castroverde, Lugo, Guntín, Friol, Palas de Rei, Toques e Melide, onde finalmente entronca coa ruta principal do Camiño de Santiago: o Camiño Francés.
Pola súa banda, o Camiño da Costa discorre por un total de 16 concellos, en contreto falamos de Ribadeo, Barreiros, Trabada, Lourenzá, Mondoñedo, Abadín, Vilalba, Guitiriz, Begonte, Friol, Sobrado, Vilasantar, Boimorto, Arzúa, O Pino e Santiago de Compostela, onde entronca co Camiño Francés á altura da cabeceira do aeroporto de Lavacolla.
Galicia incrementa así a súa nómina de declaracións, que até o día de hoxe incluía xa á Cidade vella de Santiago de Compostela, elixida en 1985; o Camiño de Santiago Francés, inscrito en 1993; a Muralla romana de Lugo recoñecida no 2000; e a Torre de Hércules, que alcanzou a súa inclusión en 2009.
- O final dun longo percorrido
Este expediente de declaración requiriu dunha serie de traballos específicos, exhaustivos e completos baseados en consideracións de carácter técnico e formal moi estritas. Entre eles, un dos de maior relevancia é a súa propia documentación histórica e o da identificación de bens asociados representativos do seu valor universal e que completan a singularidade do expediente.
Pola súa banda, cada comunidade autónoma desenvolveu os seus propios procesos de protección dos Camiños do Norte. En Galicia, as diferentes rutas xacobeas teñen un réxime particular derivado da Lei 3/1996, de Protección dos Camiños de Santiago, na que xa se recoñecían os itinerarios do Norte; porén, o proceso non se completou até que se delimitaron as súas trazas e a extensión do seu territorio histórico.
- Delimitación e avaliación
Finalmente, en setembro de 2014 tivo lugar a misión de avaliación de dous técnicos do Consello Internacional de Monumentos e Sitios Histórico-Artísticos (ICOMOS), órgano asesor da UNESCO. Os avaliadores percorreron 1.500 km. de rutas e coñeceron, un a un, os 16 lugares vencellados ao Camiño de Santiago do Norte propostos para a súa inscrición na Lista do Patrimonio Mundial. En novembro e decembro de 2014, o ICOMOS requiriu información complementaria e no mes de maio achegouse a avaliación final, recomendándose a inclusión na Lista do Patrimonio Mundial dos camiños do norte.
A declaración por parte do Comité do Patrimonio Mundial en Bonn supón a derradeira etapa dun proceso que comezou hai sete anos e co que a Xunta de Galicia estivo comprometido desde o primeiro momento.
- Afonso II, o primeiro peregrino
Estas romarías contan cunha recoñecida vitalidade ata o século XVIII. Os peregrinos chegaban desde Francia, ou a través dos portos vascos e cántabros de países e rexións do Atlántico (Inglaterra, Flandres, Alemaña ou Escandinavia), que seguían os trazados das rutas do norte do Camiño de Santiago.