A Fundación Otero Pedrayo entregou este domingo o Premio Trasalba 2015 a Antón Pulido (Bóveda, Amoeiro, 1944) en recoñecemento á "calidade e personalidade" da súa obra como pintor e gravador, así como o seu vínculo coa figura de Ramón Otero Pedrayo, ambos os dous veciños de Amoeiro.
Autoridades e intelectuais galegos participaron este domingo na entrega do Premio Trasalba 2015 a Antón Pulido, nun acto celebrado na Casa Grande de Cimadevila. Un galardón de carácter honorífico, non retribuido economicamente, que está representado por unha figura en bronce de Ramón Otero Pedrayo, obra do escultor ouresan Buciños.
O acto de entrega do galardón, celebrado na Casa Museo da Fundación, comezou coa presentación do libro
'Ramón Otero Pedrayo. Unha fotobiografía (1888 -1976)', tras a cal tivo lugar a 'laudatio' do editor Bieito Ledo a Antón Pulido.
Á hora de conceder este recoñecemento, ademais da súa traxectoria artística, a Fundación tivo en conta o vínculo de Ppulido coa figura do escritor e intelectual. De feito, Pedrayo foi quen apadrinó a segunda exposición do artista no Museo Arqueolóxico de Ourense en 1992, onde xa expuxera o ano anterior, da man de Xesús Ferro Couselo.
"Otero Pedrayo foi quen introduciu no mundo da arte a aquel novo pintor que, con 28 anos, presentaba os seus primeiros cadros en Ourense", recordou a entidade para destacar que, é agora, na "plenitude da súa madureza" e cun "currículo xa ben recoñecido" cando o artista de Amoeiro recibe o máximo recoñecemento da Fundación Outero Pedrayo.
Pulido agradeceu a recepción do premio Trasalba 2015, no marco da romaxe literaria, e trátase dunha distinción que obtivo polo seu "servizo á cultura do país".
A este respecto, Antón Pulido, entre as súas primeiras palabras, agradeceu a entrega deste premio, en primeiro lugar, ao escritor Otero Pedrayo, no recordo, e tamén ás autoridades institucionais, locais e galegas, e á fundación, así como á súa familia, que o acompañou neste acto.
O pintor galego centrou a súa intervención nas súas vivencias iniciais experimentadas con Pedrayo, do que resaltou a súa "enerxía positiva", así como os seus traxectos en bicicleta e os seus paseos, durante a súa etapa inicial.
Na entrega do XXXIII Premio Trasalba, ademais de diversas personalidades da cultura galega, estivo presente o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, quen subliñou a traxectoria do pintor "ao servizo da cultura do país" e recordou o seu labor como director xeral de Cultura da Xunta e como primeiro director do Centro Galego da Arte Contemporánea (CGAC).
Concepción, Armando González, Carmen Leyte, Antón Pulido, María do Ceo y Javier Casares
Ao finalizar o acto literario, durante o cal se presentou a publicación "Antón Pulido. Cantiga de fonte limpa", os asistentes gozaron dunha comida de confraternidade no Souto de Trasalba, na Casa Grande de Cimadevila onde mais de medio milleiro de persoas procedentes de distintos puntos de Galicia, puderon brindar po lo premiado e a cultura con viños da Adega do Eladio, colleiteiro que poduce os seus caldos co a agricultura biodinámica, na sua Adega Arco da Vella en Beade, (Ourense).
No que se refire ao libro, Pulido relatou que recolle vivencias da súa infancia, xunto a unha pequena selección da súa pintura e fotografías con anécdotas da súa vida.
Antón Pulido botou o pano ao acto cunha frase que cita expresamente á súa Bóveda, de Amoeiro, lugar de Otero Pedrayo, e onde "os de Amoeiro somos moi de don Ramón".
TRAXECTORIA
Licenciado en Pintura e Gravado pola Facultade de Belas Artes de San Jordi (Barcelona), Pulido chegou coa súa obra a museos e galerías de países de todo o mundo como Corea del Sur, China ou Italia, entre outros. Precisamente, a súa carreira valeulle o recoñecemento como 'Fillo predilecto de Amoeiro' ou 'Vigués distinguido'.
Ademais, a Xunta destacou que, na actualidade, colabora na difusión da obra do artista a través da exposición 'Antón Pulido. Antolóxica', que pasou polas cidades de Vigo e Ourense.