As entidades de crédito, as súas filiais inmobiliarias e as institucións de xestión de activos (incluídos os procedentes da reestruturación bancaria) terán que comunicar en Galicia as vivendas baleiras que posúen en concellos de máis de 10.000 habitantes. A Xunta establecerá esta obrigatoriedade a través dun decreto que agora comeza o proceso de participación pública e que a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, espera que o Goberno aprobe reunido en Consello no cuarto trimestre deste ano.


Así o destacou este mércores na presentación desta nova iniciativa, enmarcada no plan social de loita contra a desigualdade económica que promove o Executivo de Alberto Núñez Feijóo, nunha rolda de prensa xunto ao director do IGVS (instituto galego de vivenda e chan), Heriberto García.


Ambos, preguntados pola estimación de vivendas baleiras no conxunto da comunidade galega, remitiron ao último dato estatístico achegado polo INE (instituto nacional de estatística), que sitúa no 18,6% do total do parque de vivendas as que se atopan nesta situación, case 299.400, con cifras de 2011 (a maior porcentaxe de todas as autonomías).


Respecto diso, os dous dirixentes advertiron en varias ocasións de que este número inclúe “todo tipo de vivendas baleiras”, como as que están en ruínas, e precisaron que o censo que persegue configurar con esta actuación a Xunta busca reunir unicamente as vivendas baleiras que son propiedade de entidades de crédito, polo que non alcanzará un valor equivalente.


PRAZOS


O anteproxecto de decreto, que estará sometido un mes ao proceso de participación pública, establece, no caso destas entidades obrigadas, un prazo de seis meses a partir da licenza de primeira ocupación para comunicar a existencia de vivendas de nova construción baleiras (a través dunha plataforma informática). Para as usadas, o período é de catro meses contados a partir do momento en que queden sen inquilino.


No resto de casos -distintos á titularidade por parte dunha entidade de crédito, filiais inmobiliarias ou sociedade de xestión de activos en municipios de máis de 10.000 habitantes-, a inscrición no censo será voluntaria, aínda que a Xunta se reserva a posibilidade de ampliar a obrigatoriedade no caso de detectar “demanda” de vivendas tamén en localidades de menos poboación.


MEDIDAS


No seu capítulo terceiro, o texto recolle medidas “para favorecer a ocupación das vivendas baleiras”. “Temos moito feito pero queda moito por facer”, valorou a titular do departamento autonómico, antes de explicar algunhas destas accións, que van desde o impulso de firmas de acordos como o recentemente subscrito con Abanca, ata a intermediación, “a fin de favorecer a efectiva ocupación das vivendas, facilitando fórmulas de concertación de arrendamentos ou adquisición entre os propietarios e os demandantes de vivenda”.


Así mesmo, outra medida prevista é a que se refire á posibilidade de ofertar ao IGVS unha vivenda baleira para a súa adxudicación a través do rexistro único de demandantes de vivenda, tanto en aluguer como en venda, “sempre que se axusten aos prezos máximos establecidos para vivendas protexidas”.


Outra opción, con previo consentimento do propietario, é a que permite que as vivendas inscritas no censo sexan utilizadas nos programas de fomento do aluguer que desenvolve o IGVS ou as administracións locais.


A maiores, en casos en que exista demanda de vivendas de promoción pública acreditada, o IGVS poderá realizar unha oferta pública de adquisición con obxecto da súa adxudicación conforme ao procedemento establecido para estas vivendas.


A estes efectos, segundo expón o decreto, o instituto de vivenda poderá tamén recorrer á modalidade de vivendas de promoción pública concertada.


“A INFORMACIÓN NON CHEGA”

A titular da consellería insistiu en que Medio Ambiente atendeu “o 100% dos casos que cumprían os requisitos” nas demandas do plan de reacollo para afectados por desafiuzamentos en Galicia, e cifrou en 41 os beneficiarios, aínda que “algúns renunciaron”.


Ademais, reiterou que interpreta que “a información non chega” aos potenciais usuarios destes programas, por iso é polo que o seu departamento chegue a acordos co Valedor do Pobo e outras institucións, co obxectivo de difundir estas medidas.

POWERED BY BIGPRESS