O secretario xeral do PPdeG, Alfonso Rueda, asegurou que a súa formación ten "todo o dereito do mundo" a intentar "completar" as súas maiorías nas deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra, onde "é a forza con "máis deputados".
"Facemos unha oferta para complementar a nosa maioría e somos libres de facelo con quen estimemos oportuno, despois, por suposto, aquel que reciba o ofrecemento é libre de pensar se é conveniente ou non", manifestou nunha entrevista concedida a Radio Nacional España (RNE).
Neste sentido, apoiou o ofrecemento realizado polo presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, ao Bloque. Ao respecto, asegurou que "o BNG debería facer unha pequena reflexión e darse conta de que, salvando os seus resultados en Pontevedra cidade, no resto dos sitios ou non existe ou é absolutamente testemuñal", argumentou.
"Nós imos a intentar nas tres provincias nas que non temos maioría absoluta, pero nas que fomos os máis votados, completar esas maiorías", insistiu para asegurar que "é case unha obriga".
CAMBIOS E RESULTADOS EN OURENSE
Preguntado polos resultados obtidos polo Partido Popular en Ourense, na deputación da cal mantén a maioría, Rueda considerou que "hai que tomar nota""do bo que se fixo alí".
"Que Ourense teña un resultado mellor que nas outras provincias quere dicir que do bo que se fixo alí, dende logo, hai que tomar nota", expresou tras asegurar que se alegra "moito" dos datos obtidos nesta provincia.
Cuestionado sobre a necesidade de que se produzan cambios no PP a nivel estatal e tamén no galego tras os comicios do 24 de maio, Roda considerou que esas mudanzas "ten que ser de todo".
"No PPdeG xa dixemos que eses cambios teñen que ser de actitudes, máis conexión coa rúa, máis sensibilidade nalgúns temas, en políticas [...] e tamén en persoas, para que nos imos enganar", proseguiu.
E é que, segundo asegurou, "é moi difícil que a xente perciba cambios en todo o anterior" sen cambios en persoas". "Eu espero que o Partido Popular, a nivel nacional, faga o mesmo, porque se non o fixese estaría equivocado".
MENSAXE DE ESTABILIDADE
Na súa intervención, Rueda avanzou que, de cara a outros comicios, o Partido Popular insistirá na súa mensaxe de es tabilidade fronte a outras formacións e "non cederá á demagoxia" como, na súa opinión, se farán outras forzas".
"Se seguimos nesa imaxe que sempre identificou ao Partido Popular, corrixindo os erros, creo que manteremos a nosa forza", augurou.