"A capital literaria do mundo está hoxe en Pontevedra". O presidente da Real Academia Galega (RAG), Xesús Alonso Montero, referíase así á que era o berce do polígrafo, político e galeguista Xosé Filgueira Valverde e á súa vez "a cidade dos seus amores", que acolle nesta xornada de Letras Galegas os actos institucionais de homenaxe a quen cariñosamente recordan como 'o vello profesor'.


O Museo de Pontevedra, "a nena dos seus ollos", foi o escenario desta sesión plenaria extraordinaria da Academia Galega na que os académicos e intelectuais da cultura, ademais dos responsables das institucións, renden tributo ao polígrafo e erudito, impulsor do Seminario de Estudos Galegos ou do Instituto Padre Sarmiento, entre outros.

Alonso Montero aproveitou a súa intervención no acto para reivindicar a importancia do Museo de Pontevedra, institución que o propio Filgueira sacou adiante e da que foi director entre 1940 e 1986, para pedir ás autoridades provinciais que "algún día" este edificio leve o nome do propio homenaxeado.

Tras a lectura da acta por parte do secretario da RAG, Henrique Monteagudo, un exalumno "de base" de Filgueira Valverde e agora académico, Víctor Freixanes, eloxiou a faceta de "profesor" do erudito nunha cidade á que "dedicou a súa vida".

Unha dimensión docente que, segundo Freixanes, "enriquece" as súas múltiples e dispersas actividades para actuar "no grupo social", e destacando ademais a súa capacidade para "abrirse ao mundo tendendo pontes entre as máis variadas disciplinas".

Neste sentido, o académico Francisco Díaz-Fierros incidiu no carácter "universal dos seus coñecementos", o seu traballo "interdisciplinar", así como no "diálogo entre as Humanidades e as Ciencias" e a súa dedicación para que "o coñecemento e saber deixasen de ser patrimonio exclusivo dos especialistas, para que chegasen a ser patrimonio de todos".

De aí quedou o seu "labor de divulgador e popularizador da cultura do país", que se traduciu en exposicións, a recuperación de festas populares, as miles de conferencias, mesas redondas e presentacións nas que participou.

"Chegou maior á revolución tecnolóxica", chanceou o académico, quen aventurou que Filgueira crearía o seu propio blog e se integraría na nova tendencia das páxinas "punto gal". En canto á súa obra literaria, Díaz-Fierros referiuse a "Adral" --que recompila os seus artigos-- como un "monumento único da cultura galega".

"NOVOS FILGUEIRAS"

Tanto Víctor Fernández Freixanes como Francisco Díaz-Fierros coincidiron en advertir da situación que vive a lingua e a cultura en Galicia, alertando o primeiro do "cataclismo" que sufriu o idioma e o segundo do paso dunha "sociedade do coñecemento" cara a "unha sociedade da ignorancia".

"Cada vez son máis necesarios os mediadores culturais, novos Filgueiras", reivindicou Díaz-Fierros, argumentando que "falar de Galicia con palabras amigas e cultas, que cheguen a todos, sería o mellor legado que poderiamos deixar ás futuras xeracións".

Pola súa banda, o académico Xosé Ramón Barreiro Fernández orientou a súa exposición cara ao terreo histórico-político, ao recordar que "a perda de independencia do Partido Galeguista", ao que pertencía Filgueira, "mediatizado polos partidos da esquerda alleos a Galicia", foi o motivo por o que o polígrafo pontevedrés se deu de baixa da formación, como el mesmo relatou nunha carta enviada en abril de 1935 ao secretario desta entidade, Manuel Gómez Román.

"Non podía militar nun partido que tiña como obxectivo a destrución da igrexa", engadiu. Para Xosé Ramón Barreiro, Filgueira defendía que "a romanidad constitúe o elemento definitorio do pobo galego", sendo "a primeira vez" que alguén introducía ese elemento de identidade.

RECORDO A MARÍA DO CARME KRUCKENBERG

Ao pleno extraordinario da Real Academia Galega asistiron o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez e a presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, entre outros cargos políticos das Administracións estatal, autonómica, provincial e local, ademais de familiares do propio homenaxeado.

Ademais, ao termo do acto, Xesús Alonso Montero dedicou unhas palabras de recordo á figura da poeta viguesa María do Carme Kruckenberg, falecida a pasada xornada. Dela destacou que varias das súas obras se inspiraron na "métrica e as formulacións" do neotrobadorismo "inventado" por Filgueira Valverde. 
POWERED BY BIGPRESS