O portavoz nacional, Xavier Vence, salientou desde Mondoñedo que ante un presidente da Xunta “empeñado en desprezar ao país”, Galiza “precisa como nunca un proxecto nacionalista con xente que non se achante na defensa do noso”. “Feijóo é incapaz de reivindicar nada con valentía ante Madrid, como ten demostrado estes anos de lacaio obediente a Rajoy, pero tamén despreza os nosos sinais de identidade máis propios”, denunciou.
“O último insulto que podía recibir este país é ver ao presidente da Xunta facer campaña fundamentalmente en español, porque un presidente que renuncia, que despreza a lingua é un presidente que despreza Galiza, aos galegos e as galegas”, criticou Vence. “Vímolo nos mitins de Betanzos, Mugardos, Ferrol, Redondela…, dando mostras ostentosas de desprezo a nosa lingua”, recalcou.
Para o BNG, esta actitude do dirixente do PP “está en sintonía coa súa sistemática deixación de funcións na defensa dos intereses do país fronte a Madrid e Bruxelas”.
Neste sentido, “temos moi claro que se necesita un proxecto nacionalista de xente que teña o corazón e a cabeza aquí e que non se achante na defensa do noso”, salientou durante un acto con candidatos e candidatas de BNG-Asembleas Abertas na Mariña para reivindicar mellores infraestruturas na comarca.
Vence puxo o acento “no orgullo e autoestima” que representa o proxecto nacionalista do Bloque, “posto en pé polos galegos e galegas”, sen necesidade de que sexa “apadriñado” desde Génova, Ferraz ou a Complutense.
De cara ao 24 de maio, o portavoz nacional confía en convencer a moitos dos electores e electoras indecisos.
“Contamos con moitos argumentos para convencer aos indecisos de que BNG-Asembleas Abertas é a mellor alternativa para pasar a páxina negra do PP, temos propostas para a transformación do país, para poñer os concellos ao servizo da cidadanía e para garantir gobernos honestos e transparentes como vimos facendo en todos os concellos que lideramos”, concluíu.