O candidato do PSdeG á alcaldía de Ourense, José Ángel Vázquez Barquero

O candidato do PSOE en Ourense négase a deixar de ser cabeza de cartel malia ter que ir declarar, tras os comicios, como imputado por prevaricación. José Ángel Vázquez Barquero sigue adiante co apoio do seu partido a nivel galego e local e, loxicamente, entre as críticas da oposición.


Vázquez Barquero deu a cara esta mañá diante da opinión pública comparecendo a propia iniciativa diante dos medios. O concelleiro argumentou que "hoxe non é día de dimisións" porque significaría "abandonar o barco deixar a xente na 'estacada'".


"TOCA QUE FALEN OS CIDADÁNS"


Na súa comparecencia, sinalou que a tres semanas das eleccións municipais "o que toca é que falen os cidadáns" porque "son soberanos". Segundo dixo, intentará "convencelos" de que depositen a súa confianza no candidato e de que a xunta de Goberno "actuou sempre con boa fe e entendendo que tomaba decisións no marco da lei".

O político lembrou que prometera non concurrir as primarias do PSdeG de Ourense -que gañou- se fora imputado, e cumpriu. Agora di que non pode dimitir para non deixar tirados aos seus compañeiros, aínda que admitiu que isto pode resultar "incoherente". "Pesa máis a responsabilidade que a coherencia", insistiu tras aludir "as responsabilidades asumidas" dende que foi nomeado alcadábel.


O preito nace dunha denuncia de USO, sindicato próximo ao PP, contra toda a Xunta do Goberno Local de 2013. A central alega que os políticos aceptaron o nomeamento de Carmen Dacosta como xefa de Persoal sabendo que era ilegal. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia xa declarou nulo o nomeamento de Dacosta, que agora vai denúmero dous nas listas dos socialistas.


"Decidimos tal como dicían os informes dos técnicos municipais", agregou, e dixo esperar que os veciños lle dean a súa "confianza". "Non toca outra cousa que formular que decidan eles", polo que a súa comparecencia foi ademais un "acto de renovación do compromiso" cos veciños aos que reiterou que quere "ser o seu alcalde".

Como era de agardar, o PP ensínalle a porta ao socialista. O candidato do principal partido da oposición ourensana cre que Vázquez debe dimitir e que se continúa fará un dano irreparábel a imaxe da capital das Burgas.


"Esta a tempo de non facer aínda máis dano", argumenta Jesús Vázquez. O ex-conselleiro reclama coherencia ao seu rival. "Deberiamos ser coherentes, se procuramos un Ourense estable, non podemos ter a un concelleiro que despois das eleccións vai estar declarando no xulgado", aseverou o conservador.


A decisión de seguir como cabeza de cartel ten luz verde do aparato do PSdeG. O secretario xeral Gómez Besteiro declarou hoxe que o imputado "está moi lonxe da situación de liña vermella que impoñen os estatutos"; en referencia a obriga de dimisión que fixan os socialistas aos seus cargos cando teñen que declarar como imputados diante dos xulgados por temas de corrupción. E é que a declaración de Vázquez diante do Xulgado Número 3 de Instruccion de Ourense non chegará até despois dos comicios, un argumento similar ao que usa o PSdeG para xustificar que se presente outro imputado, o alcalde de Caldas de Reis.

POWERED BY BIGPRESS