O BOE recolle hoxe a resolución da Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) na que impón a NCG Banco (agora Abanca) multas que suman máis de dous millóns pola venda de produtos híbridos por parte do propio banco e das caixas galegas que absorbeu en 2011 ao ter levado a cabo "infraccións moi graves".


Así, NCG Banco -Abanca- deberá facer fronte a sancións por un total de 2.050.000 euros, dos que 1,8 corresponden á responsabilidade herdada das caixas. A multa de maior contía é dun millón de euros e corresponde a varias faltas moi graves cometidas por Caixa Galicia entre 2008 e 2009, por Caixanova entre 2009 e 2010 e por Novacaixagalicia, entidade resultante da fusión das anteriores, entre 2010 e 2011.


En concreto, a CNMV considera que as caixas venderon este tipo de produtos complexos a clientes sen avaliar se contaban cos coñecementos suficientes, con deficiencias metodolóxicas na súa avaliación e sen ofrecer a información necesaria nin alertar dos riscos que levaban a súa compra.


A este millón de euros súmanse outros 800.000 euros por faltas moi graves cometidas por Caixanova e Novacaixagalicia entre 2009 e 2011, que consistiron na cesión de participacións preferentes e produtos complexos entre clientes "a prezos significativamente afastados do seu valor razoable".


Estas prácticas continuaron coa creación do banco NCG en 2011, segundo a resolución da CNMV, que impón outra multa de 50.000 euros á entidade por faltas similares: a comercialización a clientes, desde o 14 de setembro de 2011 ao 29 de febreiro de 2012, "de produtos híbridos sen advertir adecuadamente a estes nos supostos en que as operacios eran ou non en advertir adecuadamente a este nos 

supostos en que convenientes ou non avaliadas". Tamén continuaron os cesamentos de produtos devaluados, polo que a CNMV impón outros 200.000 euros de multa.


O informe do FROB de 2014 cifrou en 116.000 o total de afectados por preferentes e subordinadas en Galicia, cunha estafa cifrada en máis de 1.800 millóns de euros. Nos últimos anos, os afectados en Galicia saíron á rúa e manifestáronse en numerosas ocasións e a coordinadora das plataformas advertiu que aínda quedan unhas 10.000 familias sen os seus aforros, que suman uns 200 millóns de euros. A Eurocámara comprometeuse esta mesma semana a continuar coa investigación para determinar se o Estado español incumpriu normativas comunitarias ao vender estes produtos complexos. 

POWERED BY BIGPRESS