O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, asegurou hoxe en Madrid que os datos feitos públicos onte polo INE reflicten que “Galicia non ten unha perspectiva de futuro, estamos na cola de España en crecemento económico e diverxendo co resto, algo estase facendo mal”.


“Galicia medra menos, estamos por detrás de todas as autonomías e incluso de Ceuta e Melilla, o único que aumenta é a preocupación dos cidadáns, xa que ven que non estamos mellor despois de varios anos de recurtes moi duros, non imos ben e non o cremos só os socialistas, o din as obxectivas cifras do INE”, manifestou aos medios de comunicación durante o Comité Federal do PSOE.


En opinión de Besteiro, “non somos capaces de aproveitar as oportunidades, a contención do déficit non supón crecemento nin xeración de emprego, estamos en renta dispoñible un 12% por debaixo da media e as familias teñen menos recursos para gastar e xerar crecemento a través do consumo”.


O secretario xeral do PSdeG referiuse tamén ao Programa Marco para as municipais tratado hoxe en Madrid: “É a alternativa dos socialistas, un programa social coas respostas que xa aplicamos onde gobernamos, reducindo máis a débeda sen mermar os servizos públicos e amosando que hai outra forma distinta de gobernar”.


“Os municipios nos que goberna a dereita son máis insolidarios e desiguais, os socialistas pensamos que os concellos teñen que ser a primeira barreira de protección social, centrando os nos esforzos nas persoas; o 24 de maio os cidadáns votarán educación, sanidade, servizos públicos e garantía para levar as contas públicas”, aseverou.


Con respecto ás primarias para a elección do candidato socialista á presidencia do Goberno, Besteiro garante que “serán un proceso limpo e transparente; polo momento xa hai un candidato que é o noso secretario xeral, conta cun amplo respaldo e a xente ve que ofrece respostas e alternativas”. “Pedro Sánchez é a única alternativa a día de hoxe para o cambio seguro e reformista que necesita este país”, asegura o líder dos socialistas galegos.


Por último, en referencia ao debate sobre a lista máis votada, o líder do PSdeG dixo que “o Partido Popular é incapaz de sumar vontades e consensos, están sós e o da lista máis votada é un discurso vello, xa o intentaron facer hai un ano, pero a realidade é que non son capaces de atraer a outras persoas que pensan diferente”.

POWERED BY BIGPRESS