Santiago.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, referiuse hoxe á Marca España como unha aventura colectiva con obxectivos compartidos na que tamén está Galicia, unha Galicia que sabe traballar, crear e que está a apostar pola innovación.
Durante a clausura da xornada Marca España: un esforzo conxunto cara a unha industria innovadora e global, Feijóo subliñou que Galicia conta cunha economía internacionalizada, superando en 2014 o seu propio récord histórico de empresas con base exportadora. O peso das exportacións supera o 33% do PIB, e o obxectivo é que chegue ao 40% mediante a Estratexia de internacionalización da empresa galega 2020.
Nesta liña, afirmou que detrás destes datos que permitiron apuntalar piares económicos como o téxtil, a automoción, ou o naval, atópanse actuacións nas que se mesturaron o prestixio gañado polos técnicos e profesionais galegos, a estabilidade institucional e social e tamén a reputación que foron forxando os emigrantes, que alí onde chegaron implantaron unha nova idea do español. “O seu traballo, a súa honradez, o seu sentido do deber, a súa capacidade para integrarse na sociedade anfitrioa, foron forxando o que hoxe se coñece como Marca España”.
Galicia é un punto de encontro “onde se dan cita grandes empresas galegas que saen ao exterior, e grandes empresas do exterior que veñen aquí, para converterse, tamén elas, en galegas”.
Nuñez subliñou que para abrirse ao mundo era preciso unha loxística, “e Galicia conta con ela”. “Estabamos preparados cunha mentalidade e unha acción política destinadas a facer de Galicia unha das plataformas de entrada e saída de Europa”, dixo, destacando que, en materia portuaria, Vigo é unha das tres zonas francas que existen en España; o porto exterior da Coruña forma xunto co de Ferrol un dos grandes portos exteriores do continente europeo; “e a eles súmase unha ampla rede de autoestradas que nos unen a España e Portugal por catro vías diferentes, e a alta velocidade ferroviaria pronto conectará Galicia con Madrid”.
Atraer as mellores ideas
Afirmou que Galicia tomou esa testemuña coa Axenda para a Competitividade Industria 4.0, “que busca reinventar o noso tecido industrial para facer del o 20% do noso PIB. Implantar a fábrica intelixente é un dos piares máis importantes para iso”, incidiu.
Logo de cualificar estes obxectivos de “ambiciosos”, Feijóo afirmou que o medio principal para conseguilo é, sen dúbida, atraer as mellores ideas. “E, Galicia tamén o está a facer xa, con programas de innovación aberta, a través de iniciativas como Innterconecta e Conecta Pemes, que están mobilizando máis de 260 millóns”, salientou.
Feijóo concluíu destacando a posta en marcha do programa Oportunius como unha proba máis do compromiso da Xunta coa investigación e a innovación; un programa que busca o retorno de científicos como Diego Martínez, proclamado non hai moito como mellor físico mozo de partículas de Europa. “E, ademais da súa, están planeadas vinte e tres contratacións máis de investigadores”, lembrou.
As mesas de traballo trataron catro eixos clave para a renovación industrial galega das que extraen importantes conclusións para o futuro de Galicia. A primeira delas debateu sobre a fábrica do futuro. Co obxectivo de impulsar a capacidade innovadora galega e colocar a Comunidade á vangarda da Industria 4.0, os participantes coincidiron na necesidade de impulsar a fábrica intelixente para reforzar o peso da industria e garantir a competitividade da economía galega. Para acadar esa meta, destacaron neste senso a importancia da integración das TIC nos procesos produtivos, un proceso no que, coincidiron, os clústers e centros tecnolóxicos deben desempeñar un papel central.
Tamén se falou hoxe da importancia dos sectores estratéxicos galegos. Os relatores destacaron que Galicia conta con produtos que son verdadeiros embaixadores da Marca España, como as conservas, da que Galicia é o primeiro produtor da UE e o segundo do mundo, o automobilístico, coa puxanza da factoría de Balaídos e unha empresa de compoñentes que, con máis de cen empresas, exporta o 40% da súa produción; o naval, o turismo, a alimentación, e a pedra natural.
A terceira das mesas, tratou sobre loxística e infraestruturas, subliñou que ambas se erixen como elementos fundamentais para a competitividade empresarial, e puxo o foco na necesidade de reducir os custos neste ámbito e mellorar a eficacia. Neste senso, apostou pola intermodalidade mediante a creación de plataformas loxísticas integradas que unan portos con solo industrial e transporte por carreteira e ferrocarril. Ademais, os participantes defenderon a necesidade dun traballo coordinado entre os portos para incidir no incremento da mercadoría conterizada, na necesidade de maiores calados para acoller buques máis grandes, na fusión entre navieiras, na continuación do traballo que se está a facer no eido do GNL, e no uso das marcas España e Galicia a como valor diferencial dos portos como porta ao Atlántico.
Por último, a mesa dedicada ao talento salientou a necesidade de que o sector público aposte polo talento tanto a través dos sistemas organizativos e formativos, como a través de iniciativas para incentivalo mediante a aceleración de empresas innovadoras de recente creación.