Cortegada (Ourense), 12 marzo de 2015.- O presidente do Goberno galego, destacou hoxe que a Xunta seguirá desenvolvendo o Plan de Turismo Termal para impulsar o termalismo na Comunidade e convertelo nunha opción turística propia que conxugue ocio e saúde.
Durante a visita ás novas instalacións do Balneario de Cortegada, Feijóo referiuse ao termalismo como un deses selos de calidade que nos diferenza como un destino único e de innumerables posibilidades. E, nesta liña, salientou que actualmente contabilízanse en Galicia máis dunha vintena de balnearios cun volume de negocio que supera os 60 millóns de euros e que xeran 1.400 empregos directos.
“Galicia é a autonomía con maior número de balnearios e a que conta con máis establecementos certificados coa Q de Calidade Turística”, aseverou, ao que engadiu que, xunto con isto, a nosa autonomía conta con máis de 300 captacións de augas termais e mineiromedicinais catalogadas.
Ocio e saúde
Diante desta cifras, afirmou que falar de termalismo é falar dunha longa tradición na Comunidade, que está actualmente en pleno proceso de renovación para adecuar as infraestruturas e servizos ás esixencias que hoxe demanda o consumidor. “E, por iso, desde a Xunta estamos a facer unha aposta decidida por impulsar a posición natural de liderado que lle corresponde á comunidade neste ámbito; por converter o termalismo nunha bandeira propia, nun destino propio na capital do termalismo de Galicia que é Ourense; e por facer do termalismo unha opción turística que conxugue ocio e saúde”, incidiu.
O novo balneario de Cortegada, que dispón do equipamento máis avanzado para o aproveitamento de augas termais e minerais con fins terapéuticos, como un exemplo de como a oferta termal en Galicia pode ir cubrindo as expectativas dos turistas máis exixentes. Non en van, contribuirá a estimular o turismo nesta comarca, xa que ademais de supoñer un importante activo para a economía e o emprego local, tamén axudará a incrementar a ocupación hoteleira nos numerosos establecementos de turismo rural da súa contorna.
Actuacións do Plan de turismo termal
Feijóo fixo fincapé nalgunha das liñas de acción que, de acordo a este plan de turismo termal, se levan aprobado ata o de agora como: a constitución do Consello Termal de Ourense, un órgano onde están as institucións públicas e o sector privado relacionados co turismo termal; a conversión da acrópole de Monterrei en Parador; a creación de novas rutas turísticas pola provincia, como é o caso de Lobios, co acondicionamento da ruta do río Caldo; ou de Verín, onde xa se inaugurou o primeiro treito da ecovía fluvial do Támega; a mellora do acceso e o entorno do balneario de Laias; ou o proxecto de sinalización das vilas termais, “que executaremos este mesmo ano”.
Ademais destas actuacións encamiñadas á mellora das infraestruturas turísticas, o responsable autonómico explicou que este plan tamén busca incidir na promoción e a comercialización do termalismo; “e, este ano desenvolveremos o programa Turismo Senior Termal de Galicia”, avanzou, logo de precisar que a Xunta está xa a traballar tamén noutros proxectos como a creación do Club de Produto Turístico da Auga de Galicia, ou a reactivación da Asociación de Vilas Termais para o desenvolvemento do pacto termal.
Ao longo da súa intervención, Feijóo referiuse tamén a importancia da formación neste campo “e, por iso, recentemente asinamos un convenio de colaboración coa USC para o desenvolvemento da Cátedra de Hidroloxía Médica; estamos a apoiar a impartición no Campus de Ourense do Máster de Dirección e planificación do turismo de interior e de saúde; e, grazas a un convenio asinado entre a Xunta e a Universidade de Vigo será tamén Ourense a cidade que acolla a sede central do Campus da Auga, o que contribuirá á especialización das facultades ourensás en torno aos recursos hídricos e termais da provincia”.
Concluíu destacando que os datos correspondentes ao mes de xaneiro deste ano sinalan que os establecementos hoteleiros desta provincia rexistraron case 16.000 viaxeiros aloxados, o que representa un incremento dun 20,4% con respecto ao mesmo período de 2014; cun aumento das pernoitas do 4,9%.
Cabe sinalar, ademais, que segundo a procedencia, o mercado nacional foi o que medrou de forma máis acusada, posto que os viaxeiros procedentes doutras partes de España aumentaron nun 22% e as súas pernoitas un 7,4%.