Ourense, 12 de marzo de 2015.- No Centro Cultural "Marcos Valcárcel" de Ourense tivo lugar hoxe a inauguración da exposición Carlos Casares e a fotografía, unha mostra que supón "a primeira exposición de fotos do universal creador literario galego e na que podemos admirar a súa creatividade coa imaxe", segundo explicou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, no acto de presentación. Xunto ao titular da institución provincial estiveron o presidente da Fundación "Carlos Casares", Javier Casares; o comisario da exposición, Gustavo Adolfo Garrido, e o director do Centro Cultural, Francisco González.
Manuel Baltar dixo: "a nosa obriga é promover e difundir o legado de Carlos Casares, porque con elo estamos facendo Ourensanía", e engadiu que Casares, "que foi un absoluto coñecedor da palabra, con máis de 10.000 páxinas escritas en todos os ámbitos literarios, amósanos agora unha nova faciana, ata o de agora descoñecida, pero tan creadora nel como é a literaria".
O presidente da intitución provincial subliñou o feito de que a exposición se inaugure no centro cultural "que leva o nome do que foi un dos grandes amigos de Carlos, Marcos Valcárcel, quen xa en 2007 desenvolveu un simposio sobre a figura de Casares, un home comprometido coa súa terra, coa súa lingua e con todos os valores que representa a Ourensanía".
O comisario da exposición, Gustavo Adolfo Garrido, dixo que Casares "foi un verdadeiro entusiasta da fotografía, e nesta mostra pódense ver dúas partes da súa obra fotográfica: retratos e viaxes".
Xabier Casares, pola súa banda, dixo que o interese de Carlos pola fotografía "facíase patente ao regreso das súas viaxes, cando nos amosaba unha gran cantidade de fotos e comentaba cada unha delas; era unha ledicia escoitar eses relatos e vivencias impregnadas en cada instantánea".
'Carlos Casares e a fotografía' recolle fotografías que xiran arredor da figura do propio Carlos Casares. Poderás ver imaxes feitas polo propio autor, outras nas que el é o protagonista e outras relacionadas cos aparellos fotográficos. Dous grandes bloques estruturan a mostra, no primeiro deles encontrarás retratos e autorretratos centrados na familia e no segundo o eixo central son as fotografías de viaxes.