Acusou ao PP de respaldar ás grandes empresas eléctricas mantendo os custes de transición á competencia, un “invento” de Aznar para “remunerar baixo man” a estas industrias regulado en 1997 e 2000 penalizando aos consumidores. Grazas ao apoio do PP a nivel nacional e autonómico, dixo, as 3 eléctricas obtiveron 7.126 millóns de euros en 2014, e Endesa tivo unha rendibilidade do 45 por cento en dividendos sobre capital.
Criticou que o goberno central estea respaldando ás grandes empresas penalizando ás enerxías renovables e “como contraparte atacando ao autoconsumo”, cando teñen “menos peso pero mais futuro que os outros sectores”. A demostración é que as grandes potencias europeas están desenvolvendo agora mesmo as enerxías renovables mentres “aquí seguimos a velas vir”.
Ao mesmo tempo, sinalou, o goberno de Feijóo encargouse de “dinamitar o plan eólico” do goberno presidido por Touriño e de paso “enterraron a todo o sector eólico” coa súa regulación, xa que ata o momento non houbo ningún novo parque eólico dende o ano 2006.
Losada lembrou que as comisións nacionais de Enerxía e de Competencia fixeron os seus respectivos informes advertindo das intolerables restricións ao autoconsumo eléctrico, que serían “convenientemente ignorados”, de acordo, lembrou Losada, co propio secretario xeral de Enerxía.
A Axencia Europea do Medio Ambiente, pola súa banda, asinou un informe de 9 puntos a favor do autoconsumo como a liña de actuación enerxética mais acaída, xa que garante a liberdade de cidadáns e empresas, a asignación de recursos a familias e empresas, é motor de crecemento e creación de emprego ou mellora a independencia enerxética.
Tamén supón un vector de eficiencia e aforro enerxético, optimiza o uso de recursos naturais, reduce a emisión de gases de efecto invernadoiro, situaría a España no liderado tecnolóxico “que estamos perdendo de forma evidente”, e anticipa un novo modelo económico.
Os socialistas reclamaron hoxe que a Xunta se dirixa ao Ministerio de Industria para que garanta que as chamadas “peaxes de respaldo” do autoconsumo non se fagan efectivas ata o ano 2020, que estes teñan un custe máximo que non supere en ningún caso o 1 por cento dos custes fixos e desenvolver normativamente o balance neto nun prazo de tres meses.