Investigan a morte dun home que apareceu degolado en Fisterra
Ao parecer, tiña antecendentes por narcotráfico. Analízase o posible vínculo cunha malleira sufrida por un veciño da vítima este mércores.
Efectivos da Policía Xudicial da Garda Civil investigan as circunstancias da morte dun home que este xoves apareceu degolado na súa vivenda de Fisterra (A Coruña). Fontes próximas ao caso confirmaron a Europa Press que o cadáver do home, duns 40 anos e con antecedentes por narcotráfico, foi localizado a última hora do xoves no interior da súa vivenda, situada no edificio Faro de Fisterra da rúa Escaselas.
Pasadas as 23,00 horas, ata esta zona desprazáronse múltiples efectivos da Garda Civil, así como doutros corpos, que procederon ao levantamento do cadáver e iniciaron a recollida de probas. A vítima presentaba unha ferida de arma branca no pescozo.
Os veciños do home aseguraron que o viran por última vez o luns e os investigadores non descartan a posibilidade de que leva morto algúns días cando foi localizado.
Do mesmo xeito, analízase a posible vinculación deste caso co dun home, veciño da mesma rúa, que o mércores necesitou asistencia sanitaria por múltiples lesións. Esta vítima, de 60 anos e sen aparente relación co falecido, alegou que sufrira unha caída no seu domicilio, pero as importantes lesións que tiña --e que o manteñen ingresado no hospital-- fan sospeitar que puido ser vítima dunha malleira.
Escribe tu comentario