Universidades e Xunta traballarán "de inmediato" no novo mapa de titulacións
Analizaranse duplicidades, titulacións "singulares" e novos títulos ligados ás especializacións dos campus universitarios.
A Xunta e as tres universidades galegas iniciarán "de inmediato" os traballos para configurar o novo mapa de titulacións, para o que buscarán o equilibrio entre a racionalización da oferta académica, o impulso a novos títulos ligados á especialización dos campus e a defensa de graos "singulares" dos que non se prescindirá a pesar do número de alumnos.
Con este fin, emprazáronse a reunirse canto antes para abordar a modificación e mellora deste mapa de títulos e fixar "unha senda de traballo conxunto" nese sentido, determinado unha nova oferta adaptada "ás necesidades e demandas sociais" que "responda aos novos tempos".
Así o explicou o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, tras o encontro deste mércores co Consello Galego de Universidades en Santiago.
DÚAS VELOCIDADES
A grandes liñas, o plan acordado entre a Xunta e as institucións académicas pasa por realizar modificacións "en dúas velocidades", con criterios para actuar "a curto prazo" (pensando na oferta do curso 2018-2019) e, en paralelo, establecendo parámetros para determinar unha planificación "con tranquilidade pero sen pausa" desa nova oferta.
"Hai que facer as cousas ben, porque nos xogamos moito", insistiu Rodríguez, apostando por actuar "con sentido común", analizando a situación "con tranquilidade", caso por caso, e que este novo mapa responda as "necesidades" valorando a importancia de cada título tanto desde o punto de vista social, como tecnolóxico e económico.
O obxectivo deste plan de traballo pasa tanto por analizar as duplicidades como os casos de titulacións "singulares" que deben ser ofertadas a pesar do número de alumnos matriculados, pola súa importancia "social" ou para a "humanidade", das que o SUG "non pode prescindir".
Ao mesmo tempo, deseñaranse novos títulos que respondan as demandas sociais e que "estean ligadas" ao propio traballo de especialización dos campus universitarios.
SINGULARIDADES E EFICIENCIA
Neste sentido, o propio reitor de Vigo, Salustiano Matogueira, situou o exemplo de Filosofía, un título polo que sempre "se vai a apostar" e defendeu a importante de contar "con regras de xogo claras", dado que a cuestión económica "é unha parte" duns criterios que deben apostar por "a eficiencia social", para que non desparezcan graos "singulares" e "necesarios para a humanidade e a cidadanía".
"Compaxinar as singularidades coa demanda social", destacou Matogueira, valorando non só o número de alumnos dunha carreira senón tamén o "tipo de absorción" que se dá dos seus titulados no mercado laboral.
O seu homólogo compostelán, Juan Viaño, incidiu en que estas sesións "deben iniciarse inmediatamente", facendo fincapé de que se actúe con esa visión "de dúas velocidades", para que non se comprometan títulos que deben empezar o curso 2017-2018.
Santiago xa mostrou interese nos casos de Biotecnoloxía e Criminología, e tamén aposta por fortalecer a oferta de másteres internacionais cunha porcentaxe "moi alta" de créditos en inglés.
Os responsables das universidades tamén lembraron o traballo realizado durante o últimos oito anos "perfeccionando" os títulos e "sendo máis eficientes", e reivindicaron que o están facendo "bastante mellor" que outros lugares do Estado.
"Estamos a ver todo baixo o mesmo prisma e imos ir ordenando", sinalou Matogueira. Neste sentido, Juan Viaño destacou que están "a planificar sempre" a oferta, dado que os títulos "son cousas vivas e teñen que evolucionar". Por iso, o deseño dos novos graos estará ligado aos campus de especialización.
ACCESO Á UNIVERSIDADE
O conselleiro de Educación tamén informou do acordo alcanzado entre o ministerio do ramo e as comunidades autónomas ao redor da 'reválida' de bacharelato, que será similar á antiga selectividade.
Salustiano Matogueira destacou que os reitores galegos están "contentos de conseguir o obxectivo" marcado no seo da CRUE e que "se foi definindo aos poucos", e que agora se referendou "" na sectorial de educación.
Finalmente, Rodríguez insistiu en que "o tempo demostrou que as chamadas á tranquilidade cumpríronse" e avanzou que este xoves celebrarase unha reunión entre a CIUG e representantes das universidades sobre a proba.
OUTROS TEMAS
Doutra banda, o Consello galego de Universidades deu o visto e prace á creación da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do Campus de Ourense, instalacións ligadas ao grao de Enxeñaría Aerospacial da Universidade de Vigo e que podería entrar en funcionamento no curso 2018/2019, segundo as previsións da institución académica.
Tamén se revogaron diversos títulos de máster. En concreto, Computación de Altas Prestacións (conxunto para UDC e USC), Migracións Internacionais e Planificación e Xestión de Destinos e Novos Produtos Turísticos (UDC).
Á súa vez, deixaranse de ofertarse na UVigo o máster en ciencias Biolóxicas: bioloxía molecular, computacional e Ambiencal e Bio-Industrias; máster en Enxenería Química; en Innovación Industrial e Optimización de Procesos; e en Políticas Comunitarias e Cooperación Territorial.
Escribe tu comentario