Carmela Silva podería ser a nova presidenta da xestora do PSdeG
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, vén de lanzar unha lista a Ferraz encabezada pola presidenta da Deputación de Pontevedra.
Pilar Cancela poderia ter os días contados como presidenta da xestora do PSdeG. O alcalde de Vigo, Abel Caballero, descontento coa labor da xestora galega como xa ten expresado en numerosas ocasións e partidario dunha "xestora de transición", aproveitando a deslexitimación do órgano que dirixe Cancela tras o fracaso nas urnas o 25S, vén de lanzar unha proposta de lista a Ferraz coa presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, moi próxima a Caballero, á cabeza, e que ademais contaría co respaldo dun amplo número de socialistas das catro provincias, segundo informa La Voz de Galicia.
Segundo o mesmo diario, xunto a Silva na lista para a nova xestora figuran os secretarios provinciais de Pontevedra, Santos Héctor; Ourense, Raúl Fernández, e A Coruña, Xulio Sancristán. Así mesmo están os presidentes das deputacións da Coruña, Valentín González Formoso; Lugo, Darío Campos e Pontevedra, representada polo seu portavoz socialista.
Como membros da nova xestora do PSdeG-PSOE proponse tamén ao actual portavoz parlamentario, Xoaquín Fernández Leiceaga, así como ao secretario de Xuventudes Socialistas de Galicia, Aitor Bouza, a alcaldesa de Sarria, Pilar López, e o rexedor de Ares, Julio Iglesias. Outros destacados dirixentes socialistas que figuran na lista para ser membros da xestora son o concelleiro vigués David Regades, Mar Barcón, María Quintas, Xosé Antón Sánchez Bugallo, ex alcalde de Santiago, Marisol Soneira, José Carlos González Santín, ex líder do PSOE de Lugo, e Paula Fernández, ex rexedora de Silleda.
"PROXECTO GAÑADOR"
Abel Caballero apostou este mércores, tras participar na inauguración dunhas novas instalacións da planta de Borgwarner en Vigo, por unha nova xestora no PSdeG que leve ao partido cara a un "proxecto gañador" e, aínda que se negou a falar de nomes (os anteriores trascenderon a través de La Voz de Galicia) apuntou que tanto el mesmo, como a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, saben "bastante" de "estar á beira dos cidadáns e gañar eleccións".
Despois de que trascendese a proposta de Abel Caballero para a formación dunha nova xestora, dirixida por Carmela Silva, e a preguntas dos medios sobre esta cuestión, o rexedor proclamou: "Non hai unha proposta de Abel Caballero, hai unha posición dun número importantísimo de militantes do PSdeG que estamos a buscar unha saída para ter unha dirección política no partido".
O alcalde de Vigo insistiu en non querer "falar, neste momento, de nomes", aínda que sinalou que, nesa nova dirección do PSdeG, deben "participar todas as sensibilidades do partido", de maneira que se busque un proxecto común e sólido para chegar ata o próximo congreso.
Á pregunta de se Carmela Silva podería ser do agrado desas diferentes sensibilidades, Caballero respondeu de forma indirecta: segundo subliñou, tanto el como a presidenta da Deputación, saben "bastante" de "estar á beira dos cidadáns e gañar eleccións".
"Seguro que hai outros que tamén saben e encantarame que esteamos todos xuntos buscando unha saída á situación política do PSdeG", incidiu o alcalde, quen recalcou que non está "disposto a estar nun partido que é a terceira forza", senón que quere un PSdeG "con opcións de gañar as seguintes eleccións autonómicas, sendo polo menos a primeira forza de Galicia".
DIVISIÓN
A liña marcada por Abel Caballero conta cunha ampla contestacion dentro do partido, posto que hai persoas que defenden a continuación da xestora e outros que queren convocar canto antes un congreso para que a militancia decida quen será o novo líder.
Varios dirixentes do PSdeG mostraron a súa negativa a "cambiar unha xestora por outra". Así o expresou o presidente da Deputación da Coruña Valentín González Formoso, que chamaba onte a "deixar de lado as cuestións de nomes" e convocar un congreso do PSdeG para "poñer rumbo" ao partido. "Non ten sentido cambiar un órgano provisional como unha xestora por outro órgano provisional, simplemente por cambiar un nome", sinalaba o rexedor tras ser preguntado sobre a posibilidade de que, de nomearse outra persoa, estivese a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, á fronte da xestora galega.
Silva pola súa banda abogaba o pasado luns pola celebración do congreso para a elección da nova dirección, pero non antes de que o PSOE teña definido o seu proxecto a nivel estatal. A presidenta da Deputación de Pontevedra facía fincapé en establecer unha proposta para todo o país que incorpore as diferenzas presentes nas diferentes counidades e que "ilusione" aos galegos e fuxa do "conservadurismo do PP".
Escribe tu comentario