Estudan como evitar o "estrés" que sofre a Catedral de Santiago
O Grupo Colmeiro e a Fundación Catedral apostan por unha ruta cultural integral que vertebre a cidade ata o Gaiás.
O proceso intenso de restauración que se está realizando na Catedral, con fondos achegados polo Goberno de España e xestionados por medio dun convenio subscrito entre a Xunta de Galicia e a Fundación Catedral, ofrece unha garantía en canto á preservación e rehabilitación do monumento, "pero non é suficiente", alertan desde a Fundación Colmeiro despois dunha sesión de traballo mantida co Director da Fundación Catedral, Daniel Lorenzo, na que analizaron a importancia da Catedral na peregrinación xacobea e a súa repercusión na actividade turística e económica de Santiago e Galicia.
Desde o grupo, indican que unha das conclusións desta sesión é que a Catedral "precisa unha adecuada estratexia que evite o 'estrés' ao que se ve sometido o monumento"; tarefa "complexa" dado que "moitos dos que visitan a cidade teñen como única referencia a Catedral". Ambas organizacións reivindican que o monumento "non debe de perder a súa condición icónica e claramente referencial, pero non pode soportar semellante presión".
PLAN DO CENTRO HISTÓRICO
Ante o crecente "estrés" que sofre o monumento, aconsellan a elaboración dun Plan especial do centro histórico que permita a creación dunha ruta cultural que vertebraría Compostela ata chegar á Cidade da Cultura como espazo visitable e con valor engadido. Ademais, engaden que "a cidade monumental non pode conformarse e aceptar como inevitable converterse nunha sorte de parque temático".
Os participantes neste encontro coincidiron na relevancia estratéxica dunha xestión eficaz que poña en valor o rico patrimonio histórico-artístico, paisaxístico, gastronómico, cultural e antropolóxico da cidade e a súa contorna. En definitiva apostar por un plan de desenvolvemento integral e sustentable para Santiago.
Escribe tu comentario