A oposición lamenta o discurso continuista de Feijóo
Pontón, Leiceaga e Villares tiveron palabras duras para o discurso de investidura de Feijóo, do que destacaron "ausencias" e "autocomplacencia" | Pedro Puy atopou a intervención do candiato "completa" e "axeitada".
Tras o discurso de investidura de Núñez Feijóo, os voceiros dos grupos do Parlamento tomaron a palabra para expresar as súas opinións sobre a intervención do candidato.
A primeira en facelo foi Ana Pontón, que tivo palabras críticas cara a Feijóo, indicando que o mandatario ten "síndrome agudo de Monte Pío" o cal o sitúa nun "discurso inmobilista e autocomplacente".
A voceira da organización frontista recrimínalle ao presidente en funcións a súa "obsesión" con defender "o actual réxime e o status quo" e que a súa "crítica ao nacionalismo". Ademais, Pontón indicou que ve no discurso do candidato unha "renuncia" a dar un paso adiante no autogoberno galego e "as mesmas promesas que hai catro e oito anos", o cal "sinala o seu incumprimento".
Ademais, Pontón interpretou que Feijóo "non ten ningunha intención de enterrar a machada de guerra contra o galego", cunha política que "leva a que o noso idioma cada vez teña menos espazo e menos relevancia", sinalou a voceira do BNG.
Por último, a voceira do Bloque mostrouse tamén crítica coa carencia de mencións na intervención de Feijóo á violencia machista, "un grave problema que non ocupou nin unha soa medida nun discurso de hora e media", subliñou Pontón.
LEICEAGA CRITICA "XESTOS BALEIROS"
O voceiro do PSdeG no Parlamento de Galicia valorou o discurso pronunciado polo candidato Núñez Feijóo, como decepcionante e "insuficiente", argumentando que "máis alá dun rosario de boas palabras non ten ningunha proposta concreta detrás". Xoaquín Fernández Leiceaga bota en falta un "balance dos oito anos de goberno", ao considerar que "só desde a realidade crítica é posible construír algo diferente".
Interpreta, ademáis, que coa chamada ao entendemento, Feijóo "quere facernos renunciar a que fagamos o noso labor de oposición, de control e de impulso para cambiar o país".
No discurso, para Leiceaga, destacan as "ausencias": "non hai referencia á atención primaria na sanidade, escasísima referencia á atención aos dependentes, ao tratamento ás persoas de idade en galicia, á dificultade das pensións". Reprochou tamén a falta de "referencias significativas" á igualdade "de xénero e interpersoal" nun contexto "onde as desigualdades progresan".
Sobre a "insistencia na cuestión demográfica", o voceiro do PSdeG recordou que xa se aprobou un plan demográico que "non tivo ningún efecto real" e cuestionou: "propón repetir ese xesto vacío e sen efecto?".
Así, adiantou o seu voto negativo na sesión do xoves, pero tendeu a man na cuestión do financiamento autonómico.
VILLARES VE "UNHA MALA DIAGNOSE"
Villares pola súa banda criticou "a mala diagnose" elaborada polo presidente en funcións, sobre a cal "só se pode construír un mal goberno", para logo subliñar que "afirmando a saída da crise establécense os cementos para un goberno falaz".
O voceiro de En Marea criticou que o candidato ignorase a situación social e económica dos galegos que, dixo, "non se sentirán identificados con este discurso que nega os problemas que vivimos".
A continuación, fixo referencia a unha das medidas anunciadas por Feijóo durante a súa intervención, na que prometeu crear un Plan de Emprego que xenere de 80.000 a 100.000 empregos en Galicia. "Temos 100.000 persoas menos traballando hoxe ca no 2009 polo que de cumprirse o que anunciou Feijóo, volveremos estar onde estabamos no 2009", afirmou Villares, e criticou que a Xunta "nos leve ao punto de partida tras tres lexislaturas".
Na liña da candidata nacionalista, Villares tamén recriminou a Feijóo que "repita" o seu discurso de hai catro anos, un discurso que o voceiro de En Marea cualificou como "agotado e incumprido".
Villares tamén fixo referencia á "falta de ambición" de Feijóo no tocante ao autogoberno e dixo que "existen debates sociais claros que non se queren mencionar", poñendo como exemplo a transferencia da xestión da AP-9, que Feijóo non incluíu no seu discurso pese a ser un tema que está a xerar polémica e debate social.
PUY VE O DISCURSO "AXEITADO"
O último en intervir para valorar a intervención de Feijóo foi Pedro Puy, o voceiro do grupo parlamentario do PPdeG, que considerou as palabras do candidato como "axeitadas a unha realidade cambiante", porque "fixou as prioridades" e "marca o futuro de Galicia".
Pedro Puy extrae os eixos que guiarán a lexislatura que comeza: "emprego, autónomos, internacionalización das empresas, o ámbito do I+D+i, aposta polos sectores estratéxicos de Galicia (sobre todo o rural) e preocupación clara polo ámbito social", así como o "diálogo permanente e a procura de consensos".
Escribe tu comentario