"Todo apunta a un exceso de velocidade"
Un dos técnicos explica que o labor da comisión de investigación sobre o tren accidentado no Porriño "non é buscar culpables". Esta mañá comeza a análise da caixa negra.
Xulgados do Porriño, onde analizan a caixa negra.
Un técnico da Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) afirmou este martes que "o único que se sabe", en relación ás causas do sinistro do 'Tren Celta' o pasado venres no Porriño (Pontevedra), "é que todo apunta a que foi un exceso de velocidade".
Así o manifestou o técnico Edmundo Parras á súa chegada aos xulgados do Porriño para asistir, xunto con representantes de Renfe; Adif e Comboios de Portugal, ao envorcado de datos da caixa negra do tren.
Parras explicou que o labor da CIAF, na que hai funcionarios en activo e xubilados expertos en ferrocarril, "non é buscar culpables", senón detectar problemas e "debilidades" para "facer recomendacións que melloren o sistema ferroviario".
Ao longo da mañá deste martes envorcaranse os datos da caixa negra en presenza da titular do Xulgado de Instrución Número 2 do Porriño que investiga o accidente. Neste sistema de rexistro quedan gravados datos como velocidades e distancias; así mesmo quedaron plasmadas as posibles chamadas desde o teléfono 'tren-terra' aos postos de mando.
Mentres, os restos do convoi accidentado permanecen na estación de ferrocarril do Porriño custodiados pola Garda Civil, á espera da autorización xudicial para o seu traslado a dependencias de Renfe en Redondela (Pontevedra).
Escribe tu comentario