Oito incendios queiman máis de 3.300 hectáreas en Galicia
No máis grande deles, en Oímbra, onde arderon unhas 1.500 hectáreas, continúa activada a alerta pola proximidade ás vivendas. Este mércores declaráronse tres novas situacións 2: en Oímbra, Monterrei e Lobios.
Despois dunha xornada de elevadas temperaturas en toda a comunidade, as provincias de Ourense e Lugo rexistran na mañá deste mércores oito incendios (cinco activos e dous controlados) que levan arrasadas máis de 3.300 hectáreas: nos concellos de Lobeira, Lobios, Boborás, Muíños, Oímbra, Chantada, A Fonsagrada, e Monterrei segundo a información da Consellería do Medio Rural, que só achega datos daqueles lumes superiores a 20 hectáreas de afectación.
OÍMBRA - SITUACIÓN 2 (1.500 HECTÁREAS)
Só neste último, o declarado na parroquia de Bousés, en Oímbra, segue activada esta mañá a alerta por proximidade a casas, en concreto por proximidade aos núcleos de Espiño e Bousés.
Este lume iniciouse ás 14:05 horas e segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de ao redor de 1.500 hectáreas. Nos labores de extinción levan participado 2 técnicos, 14 axentes, 29 brigadas, 12 motobombas, 3 pas, 6 helicópteros e 4 avións.
A intensidade das chamas e o forte vento obrigaron a evacuar "por prevención" a localidade ourensá de Espiño, situada neste municipio, aínda que a maioría dos seus veciños xa estaban fóra das súas casas "loitando contra o lume" e a situación púidose controlar de forma inmediata.
As chamas iniciáronse ao redor das 13,45 horas de onte, preto dun garaxe na localidade de Bousés, onde a alcaldesa asegurou que non se produciron danos materiais porque a contorna estaba limpa.
Con todo, o lume expandiuse a gran velocidade debido a "un vento incrible" e a "unha temperatura horrorosa", segundo confirmou a alcaldesa. En menos dunha hora e tras cruzar a estrada alcanzou a veciña localidade de Espiño, onde residen uns 60 veciños.
"É o terceiro incendio que se declara no pobo este verán", lamentou a alcaldesa de Oimbra. O anterior chegou desde Portugal e apagouse no cemiterio. "Agora ardeu o pouco que quedaba", relatou Villarino.
A alcaldesa sinalou que "aínda é pronto" para calcular a superficie ardida, que se estima polo momento en 500 hectáreas, pero informou de que se queimaron montes de castiñeiros e unha ampla zona que fora repoboada con piñeiros despois dun incendio, hai dous anos.
"Sentimonos impotentes, porque vimos arder en poucos minutos o traballo de toda unha vida. É unha situación moi triste", reiterou.
LOBIOS - SITUACIÓN 2 (400 HECTÁREAS)
O lume que se rexistraba este martes ás 18,46 horas no municipio de Entrimo localízase no concello lindeiro de Lobios, segundo informa o departamento autonómico. Na parroquia da Illa, en concreto, onde arderon unhas 400 hectáreas, traballan tres axentes, oito brigadas, oito motobombas e un helicóptero.
A Consellería do Medio Rural informou da activación, como medida preventiva, da denominada 'situación 2', de alerta por proximidade a vivendas esta tarde de mércores.
MONTERREI - SITUACIÓN 2
A Xunta decretou a 'situación 2' como medida preventiva por proximidade do lume ás casas nun incendio forestal no municipio ourensán de Monterrei.
Segundo informa a Consellería do Medio Rural, o lume iniciouse na parroquia de Vences, e activouse a alerta por proximidade a núcleos de poboación. De momento descoñécese a superficie calcinada.
MUÍÑOS - ACTIVO (800 HECTÁREAS)
O incendio forestal que afecta ao parque natural do Xurés, no termo municipal de Muíños, e que se declarara ás na madrugada do martes, segue activo, pero a situación 2 desactivouse a primeira hora desta mañá.
Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie dunhas 800 hectáreas, todas elas dentro do Parque Natural do Xurés. No seu control levan traballado 2 técnicos, 6 axentes, 31 brigadas, 8 motobombas, 3 pas, 10 helicópteros e 7 avións, , ademáis da UME, Protección Civil e GES.
BOBORÁS – ACTIVO (500 HECTÁREAS)
Activo desde as 16,44 horas do martes na parroquia de Brués, e queimou en torno a 500 hectáreas. No seu control traballaron 10 axentes, 18 brigadas, 13 motobombas, tres helicópteros e dous avións. Tamén colaboran efectivos de Protección Civil e de GES.
A FONSAGRADA - ACTIVO (20 HECTÁREAS)
A Xunta informou este mércores da activación doutro incendio forestal en A Fonsagrada (Lugo) na parroquia de Paradavella, que xa leva queimadas máis de 20 hectáreas de superficie.
LOBEIRA - CONTROLADO (50 HECTÁREAS)
Por último, en Lobeira, ás 00,00 horas deste mércores comezou un incendio na parroquia da Fraga que se deu por controlado na mediodía deste mércores e queimou máis de 75 hectáreas. Na súa extinción participaron tres axentes, sete brigadas e catro motobombas.
CHANTADA – CONTROLADO (106 HECTÁREAS)
Continúa controlado desde as 6:11 horas de onte luns o incendio rexistrado na localidade lucense de Chantada, parroquia de Requeixo, que se iniciaba o domingo ás 15:04 horas.
Segundo as últimas estimacións provisionais, a superficie afectada é de 106,44 hectáreas, das cales 49,14 son arborizadas e 57,3 rasas. Levan traballando na súa extinción 1 técnico, 8 axentes, 40 brigadas, 18 motobombas, 3 pas, 13 helicópteros e 3 avións.
ACTUALIZACIÓN 08/09: As hectáreas arrasadas superan as 6.100 en 12 lumes, algún deles con risco para vivendas.
Escribe tu comentario