A CRTVG ofrece un debate a cinco entre os candidatos á Xunta de Galicia
Sería emitido en directo simultaneamente pola Televisión de Galicia e a Radio Galega o luns 12 de setembro en horario de máxima audiencia, e no que participarán "en igualdade de tempos" PP, PSdeG-PSOE, BNG, En Marea e Ciudadanos
Imaxe publicada na web da CRTVG
A Compañía de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) ofreceulles hoxe aos cinco candidatos que optan á Presidencia da Xunta un debate das "forzas significativas" que se presentan ás eleccións autonómicas do próximo 25 de setembro.
O debate sería emitido en directo e simultaneamente na Televisión de Galicia (TVG) e na Radio Galega (RG) o 12 de setembro en horario de máxima audiencia, ás 21:30 horas.
Segundo trasladou este xoves a compañía, os chamados a participar neste encontro con "igualdade de tempo" son os aspirantes polo PPdeG, PSdeG, BNG, En Marea e Cidadáns.
A CRTVG xustifica esta elección por tratarse das organizacións que xa obtiveron representación nas anteriores eleccións autonómicas e volven presentarse ou que segundo o criterio da Xunta Electoral teñen carácter de "forzas políticas significativas".
Así mesmo, concretou que a cita tería lugar nos estudos da Televisión de Galicia en San Marcos, na capital galega, e convidou no mesmo escrito aos representantes destes grupos para realizar un encontro de traballo previo para negociar os diversos aspectos do debate.
Escribe tu comentario