Buscan con cans de rastrexo á moza desaparecida na Pobra
O alcalde da localidade, Xosé Lois Piñeiro, di que os veciños están aportando pistas das cales algunhas "poden ter certo peso" e "ser de interese", mentres que a familia de Diana mantén que "está retida en contra da súa vontade"
Axentes da Garda Civil con cans de rescate buscan desde a mañá deste xoves á moza madrileña de 18 anos desaparecida desde o luns día 22 na localidade coruñesa da Pobra do Caramiñal onde veranea coa súa familia.
Fontes do operativo policial sinalaron que desde as 8,00 horas efectivos con cans rastrexan a zona do paseo marítimo e os arredores da casa na que veranea a moza na Pobra.
PISTAS
Segundo o alcalde da localidade, Xosé Lois Piñeiro, veciños da Pobra aportaron diversos testemuños no marco da investigación, dos cales "algúns poden ter certo peso" e "ser de interese".
Tras apelar á "discreción neste asunto", confirmou que veciños acudiron á Policía Local para contar os seus testemuños, dos cales se deu parte á Garda Civil, que dirixe a investigación. "Nótase a preocupación da xente", dixo, á vez que destacou que "colaboran no que poden".
Por iso, animou a colaborar. "O noso agradecemento a cada persoa que colabore. Calquera persoa que poida achegar calquera dato é benvido", abundou.
HIPÓTESES
Polo momento, os investigadores manteñen todas as hipóteses abertas en relación coa desaparición desta moza de 18 anos cando regresaba sobre as 2,30 horas a casa tras estar nas festas da zona cunhas amigas.
O pai da moza revelou que a familia está convencida de que «estamos ante un caso de retención ilegal, polo perfil da moza», informan diversos medios estatais.
Tras dúas intensas xornadas na procura de Diana, os axentes da Policía Xudicial de Boiro manexan «tres ou catro» liñas de investigación «sen que polo momento sexa posible determinar nada en concreto».
O pai de Diana, cuxa pista se perdeu mentres regresaba das festas da localidade á súa casa de veraneo, tamén aclarou que os inspectores están a analizar o móbil da moza, no que apareceron unhas mensaxes nos que Diana alertou a un amigo de que algo a estaba asustando nos minutos previos á súa desaparición.
Mentres, un amplo dispositivo policial peitea a zona, a familia solicitou a todos os que acudiron á festa patronal que «se ven que poden ter algunha información relevante, por pouca que sexa, lla trasladen á Policía». «Pido que se difunda a súa fotografía e que todo o mundo entenda que esa nena que estaba aí é a miña filla, pero podería ser a de calquera», manifestou.
Os pais descartan que a moza se houbese ausentado voluntariamentey afirmaron que non houbo ningún problema en casa en días precedentes. A última amiga que viu a Diana tamén confirmou que a moza estaba tranquila e que se despediu antes de regresar á súa casa, a uns 20 minutos do lugar da festa.
A moza foi vista por última vez a un quilómetro da vivenda onde veranea coa súa familia na zona de Cabío-Xobre.
Desde que os seus familiares presentaron a denuncia ante a Garda Civil, axentes da Policía Local e distintas agrupacións de voluntarios de Protección Civil da Pobra, Porto do Son, Boiro e Ribeira, así como familiares e veciños colaboran na procura da nova.
A moza mide 1,75 metros, ten o pelo longo liso e moreno, ollos escuros e pesa uns 55 quilos. A última vez que foi vista vestía pantalón curto rosa, camiseta branca e sudadera e calzaba zapatillas negras con cordóns.
Escribe tu comentario