Podemos, a favor da confluencia
A militancia da formación morada en Galicia aposta por unha "alianza á catalá" coas mareas para o 25S. Tocará negociar a forma xurídica.
Carmen Santos, durante o anuncio. //@Podemos_Galicia
As bases de Podemos Galicia decidiron, na votación telemática que se desenvolveu ata esta media noite, negociar con En Marea "unha alianza á catalana", en referencia á fórmula adoptada por En Comú Podem.
A secretaria xeral de Podemos Galicia, Carmen Santos, informou en rolda de prensa de que "o 76% apostou por unha alianza coas forzas que nos acompañaron ata aquí". E apostou por que "o 24% que apostaba por ir en solitario vai apoiar igualmente este resultado".
Agora tocará negociar a forma xurídica con En Marea, que se decidiu por un partido instrumental. "Os compañeiros cos que viñemos cara aquí representan unha sensibilidade e nós temén representamos outras que teñen que estar presentes, con forza e non diluídas", defendeu Carmen Santos. E mandou unha mensaxe á marea: "Confiamos en que En Marea siga camiñando con nós. Non vemos factible que separemos os nosos camiños, porque somo forzas irmás".
A secretaria xeral anunciou tamén que intentará agora reunirse con Martiño Noriega e outros actores das mareas, "co outro polo da candidatura de unidade popular", para debater "cómo temos que estar representados todos coa maior xustiza".
Carmen Santos tamén remarcou que se sinte respaldada pola dirección estatal de Podemos, que está "totalmente a favor" das decisións que toma Podemos Galicia.
Escribe tu comentario