O Pont-Up Store converterá Pontevedra na capital do emprendemento
Axudar aos novos e novas emprendedores no inicio da súa traxectoria empresarial e contribuír a espallar a “cultura emprendedora” entre a sociedade son, como salienta o profesor Pedro Figueroa os dous obxectivos principais do Pont-Up Store, o evento que o vindeiro mes de setembro tratará de converter a Pontevedra “na capital do emprendemento creativo”.
Esta será a terceira edición deste espazo de emprendemento, que mantén aberto o prazo de presentación de candidaturas para todas aquelas iniciativas empresariais con menos de tres anos e medio de traxectoria que queiran dar a coñecer os seus produtos e servizos no evento que se desenvolverá entre o 22 e o 24 de setembro na Praza de España. Con tres modalidades de participación de carácter gratuíto, os emprendedores poderán optar a ocupar un dos 36 postos reservados para eles na carpa do evento, así como a promover as actividades de dinamización que completarán o programa ou a presentar o seu proxecto ante diferentes representantes empresariais.
Baixo o lema de Movemento Up!, que busca plasmar o “dinamismo e o optimismo dos emprendedores”, a terceira edición do evento promovido pola Universidade, co Concello de Pontevedra como patrocinador principal, presentouse este xoves na propia Praza de España. “Despois do éxito das anteriores edicións, iniciamos esta terceira con ilusión redobrada, para converter o Pont-Up Store na referencia do novo emprendemento e nunha ferramenta útil para a consolidación de proxectos emprendedores”, salientou Figueroa, director dun evento que, como engadiu o reitor, “forma parte do corazón e a alma” do proxecto de especialización CREA S2i e "co que se implica o campus en pleno”. Un evento que só é posible, lembraron, grazas á colaboración de diferentes empresas e institucións, representadas tamén nunha presentación na que o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, destacou o valor de poder “levar ao espazo público a creatividade e capacidade emprendedora das empresas galegas”. O vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho; o catedrático Carlos Hervés, coordinador de Ecobas a única agrupación estratéxica do ámbito xurídico social recoñecida pola Xunta e da que forma parte o grupo de investigación que dirixe Figueroa; a concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías; os responsables de Negocios en Pontevedra e Negocio Institucional de Abanca, José Luis Matos e José Manuel Nogueira; sumáronse tamén á posta de longo deste terceiro Pont-Up Store, que se completou cunha solta de globos que simbolizaba esa idea de “espallar a cultura emprendedora”.
Tres alternativas de participación gratuíta
Tres días para espallar a cultura emprendedora
O evento arrincará cunha xornada previa o xoves 23 de setembro, que se abrirá cunha sesión de música e mindfulness, e na que botarán a andar as actividades formativas, como as conferencias, encontros e talleres sobre cooperativismo, economía social, financiamento ou internacionalización, que se desenvolverán ao longo dos tres días do evento, así como o Pont-Up Store Fab Lab, un obradoiro de fabricación de obxectos con impresoras 3D. A estas iniciativas sumarase, propostas como o Meeting Room, un espazo de networking para participantes nas tres edicións deste evento, a actividade Erasmus Emprendedor ou o encontro de emprendemento no ámbito musical, así como as actividades de dinamización ou actuacións musicais que completarán o evento que o sábado 24 acollerá a entrega de premios aos mellores proxectos e unha maratón de emprendemento creativo.
Escribe tu comentario