Citroën optará a fabricar un novo vehículo en Vigo
A inseguridade xurídica que plantea a anulación do PXOM de Vigo podería ser sorteada cunha lei específica para Citroën
A factoría viguesa de PSA Peugeot Citroën intentará facerse coa adxudicación dun novo vehículo, nun proceso no que terá que competir coas demais plantas do grupo en Europa. Así o confirmou o director da factoría Yann Martin, despois de reunirse este venres co presidente da Xunta e co conselleiro de Economía
Martin asegura que un grupo de traballo comezará a elaborar a partir da semana próxima un plan de industrialización que lle permita optar a este novo modelo, do que non quixo aportar máis detalles por razóns de confidencialidade.
O único que confirmou o director da factoría é que este novo modelo se enmarcaría nun 'proxecto mundo'. Se Balaídos consigue a concesión, a planta de Balaídos fabricaría ese novo vehículo para todo o mundo, algo que suporía "volumes de producción importantes.
Martin sinala que a proposta de industrialización que presente Citroën debe ser competitiva e eficiente para impoñerse fronte ás outras candidaturas. Recoñece que será difícil, pero amósase optimista: "Estamos en guerra, e creo que imos gañar":
A reunión co presidente da Xunta podería ter sido vital, xa que o presidente da compañía aseguraba hai tan só uns días que non estaba en condicións de plantexar escenarios de industrialización no contexto de bloque urbanístico que xeraba a ilegalización do PXOM de 2008 e a negativa de AGE para reformar a Lei do Solo.
Pero Alberto Núñez Feijóo anunciou que ten un plan B se finalmente a enmenda para modificar a lei non prospera. Nese caso a Xunta tramitará un proxecto de lei á carta para Citroën, cun único artigo que lle permitiría á fábrica viguesa reordenar o seu espacio.
Trátase, segundo apuntou Feijóo, dunha "lei excepcional" para unha "situación excepcional", que serviría tamén para iniciativas públicas como a Cidade da Xustiza ou a estación intermodal.
Escribe tu comentario