Adega denuncia a construcción dunha planta de compostaxe que "non vai facer compost"
Aseguran que a planta proxectada por Sogama non estará en condicións de producir verdadeiro compost, xa que non recolle os residuos orgánicos de forma separada
Sogama licitou recentemente a construcción dunha planta de compostaxe que pretende poñer en marcha para 2017, con capacidade para tratar máis de 15.000 toneladas anuais de residuos co obxectivo de fabricar compost. O proxecto ten un orzamento que ronda os 4 millóns de euros máis IVE e será ubicado nas dependencias do vertedoiro de residuos non perigosos que Sogama ten no lugar de Areosa, no municipio de Cerdeda. Con esta nova planta a compañía pretende reducir nun 30% os residuos depositados neste vertedoiro, quedando só "aquela fracción de refugallos que non se poida reciclar nin valorizar material ou enerxeticamente".
Pero dende a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia observan este proxecto con suspicacia, avisando deque o producto que producirá esta fábrica non poderá considerarse compost. Denuncian que o sistema de recollida de Sogama non permite seleccionar separadamente en orixe a materia orgánica, como sí fan outras centrales de tratamento como Barbanza ou Nostián. No caso de Sogama a materia orgánica vai "misturada co resto" no contentor verde, polo que os residuos orgánicos a tratar na planta de Sogama chegarían "misturados con todo tipo de rexeites".
Dende Adega recordan que a actual Lei de Residuos 22/2011 (Art. 2) define o compost como “emenda orgánica obtida a partir do tratamento biolóxico aerobio e termófilo de residuos biodegradables recollidos separadamente.Non se considerará compost o material orgánico obtido das plantas de tratamento mecánico biolóxico de residuos mesturados, que se denominará material bioestabilizado".
Por iso lle reclaman á Xunta e a Sogama que comece a recoller separadamente a materia orgánica para que o produto resultante da nova planta de compostaxe poida ser efectivamente considerado compost. De non producirse este cambio, aseguran que estaremos ante "outra burda fraude" por parte da Xunta e de Sogama, que tentan "dar gato por lebre", facendo pasar por compostaxe a produción dun producto bioestabilizado que non poderá usarse como abono e rematará queimándose no vertedoiro.
Escribe tu comentario