Desmenten o achado de sete artefactos incendiarios no incendio de Cualedro
O fiscal de Medioambiente nega a versión ofrecida polo alcalde de Xinzo de Limia, Antonio Pérez. Por este lume foi detido un home de 83 anos
O fiscal de Medio de Galicia, Álvaro García Ortiz, desmentiu que se localizaron artefactos incendiarios no gran incendio forestal de Cualedro, na provincia de Ourense. Desmentiu así a versión ofrecida polo alcalde de Xinzo de Limia, Antonio Pérez, quen chegou a comentar que apareceran varios artefactos.
Nunha entrevista na Cadena Ser, o fiscal subliñou: "Eu non o vin e non figura no atestado, tamén llo podo dicir, que haxa sete artefactos incendiarios referidos ao incendio de Cualedro", en alusión á versión ofrecida polo alcalde de Xinzo.
O rexedor enmarcara a orixe do incendio de Cualedro nun acto de "terrorismo ecolóxico organizado", para acto seguido revelar que os investigadores acharan sete artefactos incendiarios na zona. Dous días despois, a Garda Civil detivo un home de 83 anos, como suposto autor do incendio, quen quedou en liberdade provisional.
Segundo asegurou García Ortiz, as atribucións de responsabilidade dese incendio "veñen doutros indicios que non convén relatar aquí, porque forman parte da investigación e levan en Ourense", explicou o fiscal, quen insistiu en que "estes aparellos non se relacionan co incendio de tres mil hectáreas de Cualedro".
Preguntado pola onda incendiaria rexistrada este verán, asegurou que "é moi difícil, moi complicado investigar e definir a autoría nos grandes incendios", polo que chamou á "prudencia", tras aclarar que á hora de determinar feitos e autorías, "non valen as atribucións xenéricas a persoas concretas" senón unicamente "o que se pode demostrar".
En opinión de García Ortiz, é necesario "eliminar os intereses partidistas deste debate" e avogou por "acordar políticas públicas ao redor da ordenación do territorio que favorecesen que os factores que determinan a causación do lume se fosen eliminando".
"Traer sempre á palestra a discusión pública dos incendios eu creo que non fai ben, porque se é bo visualizar o problema para estar alerta, non é bo que haxa ese tipo de disputas", apuntou o fiscal, quen cre que se avanzou "moi pouco" desde a creación dunha comisión de investigación no Parlamento, nos anos 2005 e 2006.
Neste sentido, abundou que os fiscais "non son a solución aos incendios, que teñen unhas raíces que van máis aló dunha serie de comportamentos individuais ou colectivos".
Escribe tu comentario