O SECTOR LACTEO RESPOSTA CON UNHA TRACTORADA, EN VILLALBA, A MINISTRA DE AGRICULTURA
Multitudinaria tractorada en Vilalba, Lugo
Os sindicatos celebran a resposta ''masiva'' - máis de 1.000 tractores e 2.000 persoas- dos gandeiros da comarca chairega á falta de solucións á crise do lácteo
Representantes de Unións Agrarias, Federación Rural Galega (Fruga) e Asociación de Novas Agricultures coincidiron ao describir a marcha como "masiva", posto que pasada a unha do mediodía centos de tractores aínda non puideran arrincar da chaira de autobuses que marcaba o inicio do percorrido.
O coordinador provincial de Fruga, Elías Somoza, describiu a marcha como a primeira resposta ao resultado da reunión celebrada o martes en Madrid entre as tres partes do sector lácteo e a ministra de Agricultura, Isabel García Tejerina, na que se presentaron medidas a medio e longo prazo pero se mostrou a negativa do Goberno a interceder para fixar un prezo mínimo para o leite, como pedían os sindicatos. "O Goberno central non aposta por que os gandeiros poidan cobrar por encima dos trinta e catro céntimos o litro e o Goberno galego debe tomar conciencia, porque non é de recibo que Feijóo dixese que o bipartito da Xunta levaría ao sector lácteo a segunda división, porque el estao levando a rexional preferente", denunciou Somoza.
O responsable de Unións Agrarias na comarca da Terra Chá, Julio Mundín,denunciou que "unha terceira parte dos gandeiros cobran por baixo dos vinte e seis céntimos, mentres que outros moitos non chegan aos vinte céntimos". "Non é rendible nin digno", denunciou. Por iso, reclamou ao Goberno e á Xunta que "abran ao sector as portas da negociación e unha subida inmediata dos prezos".
O portavoz en Lugo da Asociación de Novos Agricultores, Xan Pérez Orozco, dixo que a resposta "masiva" a esta convocatoria "era de esperar" debido aos baixos prezos do sector. En todo caso, dixo que "hai que recoñecer que en Madrid se deu algún paso sobre a transparencia nas relacións comerciais, pero as mobilizacións van continuar ata que se vexa no incremento de prezos".
Entre os representantes políticos que hoxe apoiaron esta tractorada atopábase o secretario xeral do PsdeG, José Ramón Gómez Besteiro. "Os socialistas pedimos unha solución política a un problema político. Para Francia o sector lácteo é estratéxico, para o PP nunca o foi e este é o resultado, a ruína económica para as explotacións e seguen sen resposta política", declarou antes de participar na tractorada.
Na súa intervención, comparou o Goberno de Francia co de España porque o primeiro "actúa en favor dos seus gandeiros" mentres que os presidentes do Goberno e a Xunta de Galicia, Mariano Rajoy e Alberto Núñez Feijóo, "desatenden un problema vital porque seguen sen considerar o mundo do rural, dos gandeiros e do leite como valor estratéxico para o noso país". Besteiro reivindicou "un Goberno que pise forte en Europa e que defenda os intereses dos nosos gandeiros" e criticou que "o goberno da Xunta non está a facer o seu traballo".
Escribe tu comentario